A CONMEMORACIÓN DO DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO EN MUROS INCLÚE A REPRESENTACIÓN “LIBRE COMA OS PAXAROS”, O SÁBADO 26, NO CENTRO CULTURAL
Día e hora: sábado 26 de novembro, 21:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Teatro do Atlántico – “Libre coma os paxaros”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
O sábado 26 de outubro, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Teatro do Atlántico, co seu espectáculo, “Libre coma os paxaros”, incluído na programación deste concello co fin de conmemorar o día contra a violencia de xénero.
“EU SON LIBRE, LIBRE COMA OS PAXAROS, COMA AS BRISAS, COMA OS ÁRABES NO DESERTO E O PIRATA NO MAR”, Libre coma os Paxaros, Rosalía de Castro. Tradución, Aleixandre Lago. Composición musical, Vadim Yukhnevich. Intérprete de Rosalía, María Barcala. Dramaturxia e Dirección, Xulio Lago.
Unha muller toma a palabra e proclámase dona da súa liberdade. Manifesta, desafiante, non se someter ás regras da arte nin acatar mandatos dos seus iguais. Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo, e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserabeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar. Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve. Muller. Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. Galega de pensamento libre. Chámase María Rosalía Rita de Castro.
“María Rosalía Rita… Así reza a miña partida de nacemento. Di tamén: filla de pais incógnitos. Miña nai foi dona María Teresa de la Cruz de Castro e Abadía, trinta e tres anos, solteira; meu pai foi don José Martínez Viojo, trinta e nove anos, capelán da parroquia de Iria. A lei dicía que os fillos de clérigo non podían recibir os apelidos dos pais. Nin vivir con ningún deles. Que leis máis cruéis. E máis indignas” “Nada máis que cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos. Non acato o mandato dos meus iguais e penso que a súa feitura é igual á miña feitura, e que a súa carne é igual á miña carne” “Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos; eles son a lei que rexe o meu destino”.
Esta representación está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 3,50 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.
A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a gozar con esta intensa sesión de teatro, nunha das últimas oportunidades para gozar do bo facer de Teatro do Atlántico antes de desaparecer, a finais deste ano. Unha compañía referente do teatro galego, integrada por dous grandísimos profesionais, Xulio Lago e María Barcala. Contamos que estean connosco tódolos muradáns afeccionados ao teatro.