- Día e hora: sábado 20 de marzo, ás 20:30 h
- Local: Auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros
- Actividade: Teatro – ButacaZero – “32 m2”
O equipo de goberno e o departamento de cultura de Muros, quixeron que visitara a nosa localidade, o sábado 20 de marzo, a compañía ButacaZero; coa fin de amosar ao público de Muros a súa produción “32 m2”, da rianxeira Esther Carrodeguas, quen tamén codirixe con Xavier Castiñeira, este espectáculo que protagonizan Nuria Gullón e Xurxo Cortázar, con música orixinal deRodrigo Cuevas; e que foi estreado a pasada fin de semana en Vigo, conmemorando o aniversario do confinamento provocado polo COVID19.
Xan e Mar viven tranquilamente a súa vida AntiSistema no seu pequeno piso de 32 m2. Mar traballa todo o día fóra da casa e Xan limpa, cociña, frega, vai ao supermercado, e, de tanto en tanto, le o seu xornal favorito: un do 2003. Pero un día, o mundo esmendréllase. Xan fica atrancado na claraboia e no supermercado non hai papel hixiénico. A xente di que é todo culpa dun Virus. Pero quen se fía da xente? É todo tan raro que non lles queda máis remedio que poñer a tele, agochada quen sabe onde dende quen sabe cando. Nada máis prendela, o Presidente dá unha nova inclasificable: está prohibido ir a traballar. Mar non dá creto: por fin un Presidente que entende á clase traballadora! Xan non dá creto: dende cando á súa muller lle gusta o que di o Presidente?
Así arranca esta peza de teatro do absurdo: do absurdo no que comezamos a vivir no mes de marzo de 2020, que cambiou as nosas vidas xa para sempre. Un absurdo no que as Curvas, o Medo e a Morte cada vez ocupan máis espazo entre as paredes das nosas vidas.
“32m2” é un enredo co que todo o público se poderá́ sentir identificado, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual e todas tivemos que acabar por levantar as nosas propias alfombras para descubrir a merda que tiñamos debaixo dos propios pés. Unha comedia que é máis que unha obra de teatro, unha forma de re-aprendernos dende a indulxencia. 32m2 é esa obra na que dalgunha maneira todos estamos alí arriba: é un intento de catarse colectiva ante un acontecemento xeracional que marcará as nosas vidas para sempre: o confinamento.
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propón un teatro que dialoga directamente co mundo actual. A investigación e a reflexión dende a crítica e a ironía son as claves que a definen, as súas propostas mesturan a tradición teatral coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena, pois Esther Carrodeguas chega ao teatro despois de máis de dez anos traballando en televisión. ButacaZero deuse a coñecer no ano 2016 con Voaxa e Carmín, espectáculo que tamén poidemos gozar en Muros e será custoso esquecer.
As entradas, con un prezo de 3,50 €, teñen que ser reservadas previamente nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, ou no correo electrónico cultura@muros.es. Este espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e a concelleira de cultura anima a todo o público de Muros a que se animen a compartir esta experiencia.