TEATRO | Sábado 17 de abril, ás 18:00 h. Culturactiva – “Rosalía”

Día e hora: sábado 17 de abril, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Culturactiva – “Rosalía”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Culturactiva SCG presenta a Rocío González e Cristina Collazo en “Rosalía”, unha proposta para todos os públicos, de creación propia e dirixida por Fina Calleja.

O espectáculo trasládanos a Rosalía de Castro na súa nenez, a unha Rosalía atrevida, máxica, activa e que nos amosa o porque da súa obra dun xeito realmente ameno e divertido.

María Rosalía Rita agóchase no faiado, pechando a porta, facéndose forte nese lugar máxico que ben coñece, que habitou en segredo e que está ateigado de tesouros. Hoxe mesmo veñen buscala, xa lle puxeron o seu traxe de fidalguiña e uns zapatiños que non lle acaban de acaer ben. Debe abandonar a aldea para ir vivir coa súa nai despois de anos baixo a tutela das súas tías paternas. Ao outro lado a súa boa amiga Eduarda cántalle medio tristeira medio burleira: Ritamá, Ritasá, Ritatá! Sae xa! Rosatí, Rosamá, Rosaví! Sae de aí!. Quen a poderá́ convencer para que abra a porta e se comporte como unha señorita ben educada? E no caso de facelo, que cousas poderá́ levar desta vida que é a que coñece ata o de hoxe?

María Rosalía Rita tamén foi nena. As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.

Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia.

Culturactiva SCG tamén traballa como compañía produtora e esta é unha das súas últimas propostas.

O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas teñen que ser reservadas nas oficinas do centro cultural, ou no teléfono 981762294, ao prezo de 2,50 €.

A concelleira de cultura, Mayka González, anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, seguro que gozarán deste magnífico espectáculo.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close