TEATRO | Sábado 10 de abril, ás 20:15 h – Producións teatrais Excéntricas – “Strela do día”

O SÁBADO NO CENTRO CULTURAL DE MUROS, O NOVO  ESPECTÁCULO, RECÉN ESTREADO, DE EXCÉNTRICAS “STRELA DO DÍA”

Día e hora: sábado 10 de abril, 20:15 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Producións teatrais Excéntricas – “Strela do día”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

O sábado 10 de abril, ás 20:15 h, representarase no Auditorio do Centro Cultural de Muros a nova gran obra da compañía Producións teatrais Excéntricas, “Strela do día”, que foi estreada en Coruña o mes pasado e Muros será a terceira praza na que o público poida gozar deste gran espectáculo.

ESTRELA DO DÍA, é unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor.  baseada nalgúns dos milagres da Virxe María contados por Afonso X o Sabio, nas Cántigas de Santa María. Por certo, Afonso X está de 800 aniversario. A palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena. As personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días da man e do talento de EVARISTO CALVO, ROCÍO GONZÁLEZ, VÍCTOR MOSQUEIRA e PATRICIA VÁZQUEZ, baixo a dirección de MARCOS PTT CARBALLIDO, e seguindo os textos de QUICO CADAVAL

Unha visión actualizada dos milagres de santa María aplicados aos problemas actuais (asombrosamente parecidos aos daquel século XIII). Volverán a desfilar diante dos nosos ollos, neste retablo do século XX, os soldados que foxen da guerra, a mociña obrigada a casar con quen non quere, os que expulsados dos seus lares son amoreados coma gando, os presos por roubar comida, a monxa que foxe do convento, o que cansado deste mundo quere vivir noutro sen morrer, o que perde unha pelota e daría o que tén para seguir xogando, a que foxe da manda de brutos que a acosan, os que perden a compaña do animal que prefiren a calquera humano, a que procura a curación da enfermidade mortal…

A compañía Producións teatrais Excéntricas, fundada por Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa, é ben coñecida de tódolos muradáns amadores do teatro, pois á repercusión mediática dos seus compoñentes, hai que sumar que é unha habitual no noso espazo escénico, no que sempre deixan bo facer e un gran sabor de boca.

O espectáculo está inscrito na Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, ou no teléfono 981762294, ao prezo de 3,50 €.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a que reserven a súa entrada, e a gozar do bo facer artístico dos nosos convidados. Adianta, ademais, que ao sábado seguinte, día 17, será a quenda dos máis novos, coa representación de “Rosalía”, espectáculo producido por Culturactiva.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close