TEATRO | “Pirolíticos” de Mofa e Befa, o sábado 10 de decembro, no Centro Cultural de Muros

“PIROLÍTICOS”, DE MOFA E BEFA, CHEGA ESTE SÁBADO AO CENTRO CULTURAL DE MUROS

Día e hora: sábado 10 de decembro, 21:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Producións teatrais Excéntricas – MOFA & BEFA “Pirolíticos”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
Entradas, 3,50 €. Reserva previa

O sábado 10 de decembro, ás 21:00 h, chega de novo ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Producións teatrais Excéntricas, co novo espectáculo do dúo cómico MOFA E BEFA, “Pirolíticos”.

Co gallo do seu 30 aniversario, Mofa & Befa emprenden o seu proceso creativo máis arriscado e experimental, coa incorporación de tres mulleres na dirección e no texto. Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao acompañan aos artistas en PIROLÍTICOS, unha proposta que, sen renunciar ao teatro que Mofa & Befa sempre ofreceron, contén necesariamente a visión e o humor destas tres mulleres que aceptaron sen dubidar o desafío.

Mantendo a estrutura, o estilo, e as intencións “didácticas” que sempre caracterizaron a este dúo, PIROLÍTICOS é esencialmente unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos. Ao igual que os fornos modernos, é necesario conseguir un estado de “baleiro total” para poder comprender e asumir os novos conceptos que o Feminismo achegou nas últimas décadas. Reflexionar sobre o impacto do Patriarcado nos propios homes, recoñecer a súa posición de privilexio, e amosar as contradicións que estas influencias provocan no noso día a día, poñendo o foco en todo momento sobre un home que simpatiza coa teoría feminista e aspira a vivir en consoancia con ela, pero que ten que enfrontar unha cultura machista profundamente instalada.

Cunha estrutura en sketches, como é habitual en Mofa & Befa, e, por suposto, con música PIROLÍTICOS escenifica situacións ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da “Guía Rápida para unha Correcta Pirólise”.

As autoras presentan personaxes que intentan e fracasan ou que non saben por onde empezar, personaxes que de súpeto experimentan vivenzas que en ningún caso vivirían polo feito de seren homes, personaxes que tentan familiarizarse con toda a nova terminoloxía que nos últimos tempos describe tendenzas, identidades, actitudes, gustos e desgustos…

A compañía Producións teatrais Excéntricas, fundada por Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, é ben coñecida de tódolos muradáns amadores do teatro, pois é unha habitual no noso espazo escénico, no que sempre deixan bo facer e bo humor.

Esta representación está inscrita na Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas, ao prezo de 3,50 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

Ademais as persoas asistentes e todas aquelas outras que o desexen poderá gozar da exposición conmemorativa, 30 anos de Mofa e Befa, que a compañía, coa colaboración do FIOT e a Deputación da Coruña, crearon, relembrando o bo facer deste dúo cómico dende 1992 ate a actualidade, realizando un percorrido polos seus espectáculos, “Cociña económica”, “Para ser exactos, “Finis Mundi Circus”, “Cultura para dar e tomar”, “Sempre ao lonxe”, … e outras manifestacións e detalles de interese de Mofa e Befa, como o “Manifesto para un teatro perralleiro”, que fai da precariedade dos recursos materiais a reivindicación dunha específica creatividade teatral, que actúa coas expresividades da mímica, os xogos de palabras, a imitación e a caricatura e a alternancia e singularidade das personaxes; e que está aberta ao público no espazo do propio auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros durante todo o mes de decembro.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a gozar do humor e bo facer artístico dos nosos convidados, e alerta á veciñanza, en especial ao público familiar, para que non deixen pasar as actividades do programa de Nadal, que se desenvolven ate o día 5 de xaneiro.