TEATRO | “OS NENOS DA VARIOLA”, o sábado 15 de outubro, estrea a tempada teatral do Centro Cultural de Muros

O sábado 15 de outubro, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Pérez & Fernández, co seu espectáculo, “Os Nenos da Variola”, que da comezo á tempada teatral deste espazo.

Día e hora: sábado 15 de outubro, 21:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Pérez & Fernández – “Os Nenos da Variola”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Un espectáculo Baseado na novela homónima de María Solar, no elenco Manu Fernández, Victoria Pérez, Xosé Leis e Isabel Risco; e con dous prestixiosos premios no seu haber, o III Premio Luísa Villalta á igualdade da Deputación da Coruña e un XXV Premios de Teatro María Casares, os dous en 2021.

O 30 de novembro de 1803 a “Real Expedición Filantrópica da Vacina” parte dende o porto da Coruña. Vinte e dous nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña conforman unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade. Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego presenta a adaptación á escena da novela de María Solar “Os Nenos da Varíola”. Unha peza teatral con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña e como chegaron a ser os heroes da Real Expedición Filántropica da Vacina, na que a súa heroína máis esquecida converteuse nun dos piares máis importantes da expedición, a reitora da Casa dos Expósitos, Isabel Zendal.

As actrices Victoria Pérez e Isabel Risco e os actores Manu Fernández e Xose Leis interpretan á ducia de personaxes que protagonizan esta historia: as monxas da Casa de Expósitos, os doutores Balmis e Posse Roybanes, os nenos protagonistas da ficción de María Solar, e a muller que finalmente fixo posible que esta Real Expedición Filantrópica se fixera realidade, Isabel Zendal.

En moi poucas ocasións se pode dicir con maior acerto que a realidade supera á ficción. Calquera creador de historias soñaría con imaxinar unha trama tan redonda e poderosa coma esta epopea que ocorreu en Galicia, e que salvou ao mundo enteiro dende o porto da Coruña.

Esta representación está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 3,50 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin https://forms.gle/neJT3BmSP2SqpuME9.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a gozar con esta excepcional sesión de teatro, apta para tódolos públicos, mais en Muros quixemos programala en horario de adultos, debido aos seus fondos contidos; aproveitando para anunciar que nas dúas semanas vindeiras, tamén en sábado, poderemos deleitarnos no mesmo espazo cos espectáculos “Güela, güela”, de Galitoon, para público familiar, o sábado 22, e “Conexión Pingüín”, para público adulto, o sábado 29.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close