O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación escénica de outono-inverno coa representación de Sol Fuerza, da compañía aAntena Teatro, o próximo sábado 29 de novembro ás 20:30 h. A peza, que combina humor, música, memoria e crítica social, propón un percorrido teatral que viaxa polos anos 50, os anos 90 e o presente para reflexionar, con retranca galega, sobre o progreso e o custo que ás veces implica para o territorio.
Sol Fuerza presenta tres historias entrelazadas que teñen como fondo a eterna procura dunha “enerxía galega” capaz de transformar o país. Desde Filek —o misterioso personaxe que nos anos 50 asegurou poder fabricar gasolina a partir de auga— ata Heliodoro Vicente, que nos anos 90 soñaba cun biocombustible feito a partir do toxo, a obra reconstrúe, con ironía e imaxinación, dous episodios reais da nosa historia recente. O presente complétase cunha ollada crítica ao impacto das renovables no rural galego e á pregunta que aínda resoa: progreso ou colonización?
A montaxe conta cun elenco encabezado por Lucía Veiga, nominada aos Premios Goya como Mellor Actriz Revelación, xunto a Manu Fernández e Virxinia Bermúdez, que achegan humor, enerxía e unha profunda conexión coa realidade social galega. A dirección está a cargo de Xosé Leis, e a dramaturxia é de Bernardino Martínez, nunha produción que destaca polo seu ritmo, a súa estética e a súa capacidade de conectar pasado e presente.
A concelleira de Cultura, Caridad González, subliña que “Sol Fuerza é unha obra que combina entretemento e reflexión, que fala da memoria e do futuro de Galicia cun ton directo e accesible. Un teatro necesario que invita a pensar sen renunciar ao humor”.
SOL FUERZA – aAntena Teatro
Sábado, 29 de novembro · 20:30 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada: 4 €
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
https://kinetike.com:83/views/sesionesFuturas.aspx?idPelicula=1119&cine=MUROS
