SÁBADO 22 DE OUTUBRO REPRESENTACIÓN DO ESPECTÁCULO “GÜELA – GÜELA”, NO CENTRO CULTURAL DE MUROS
Día e hora: sábado 22 de outubro, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – GALITOON – “Güela – Güela”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
Baseada na obra “Concerto de aves” de Frans Snyders, por solicitude do Museo Nacional do Prado e no marco das actividades dirixidas a público familiar e infantil que visita o museo, “Güela – Güela” é un espectáculo que podemos clasificar como teatro musical de luz, creado pola compañía galega Galitoon, a única da nosa comunidade que tivo este privilexio, e coa que este sábado poderemos gozar en Muros.
“Güela – Güela”, dirixida en especial ao público de 1 a 6 anos, é un espectáculo de gran plasticidade, moi visual e cargado de emocións e música que fará as delicias tanto dos pequenos e pequenas coma dos seus proxenitores.
A misión das cegoñas foi dende sempre levar aos bebés recentemente nacidos coa súa mamá e o seu papá, por iso teñen un peteiro grande e forte e unhas ás poderosas que lle permiten voar grandes distancias, e voan sempre en grupo, para protexerse; pero Güilly aínda é pequena e non tén o peteiro e as ás fortes dabondo, mais a ela non llo parece e devece por levar o seu primeiro atadiño, pero a comunidade de cegoñas adultas di que ten que agardar, mais un día, non se sabe como nin por que, as cegoñas adultas esqueceron un atadiño cun bebé moi particular…Unha sinxela trama, unha sinxela aventura pero que manterá ao público pegado ao seu asento de principio a fin. O movemento, o ritmo, a música e a presenza dos personaxes nun contexto concreto: o voo dos paxaros no aire.
Galitoon é unha empresa galega de televisión, teatro e espectáculos, que fusiona técnicas e medios nunha constante experimentación. Dos seus traballos en televisión destaca O Galo Cecilio de Supermartes, as vacas Pìnta e Marela de Luar ou o programa Cousiñas, en teatro xa é unha vella coñecida do público muradán, onde representou, entre outros, o seu premiado espectáculo Golulá.
O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 2,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.
A concelleira de cultura, Mayka González, anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, segura de que gozarán desta proposta.