TEATRO E MÚSICA | Sábado 28, 20.30 h – Teatro do Noroeste “As Virxes Salvaxes” | Domingo 29, 18.00 h – Música e Danza – Xacarandaina

TEATRO DO NOROESTE “AS VIRXES SALVAXES”

Día e hora: sábado 28 de novembro ás 20.30 h
Local: Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Actividade: Teatro do Noroeste – “As virxes salvaxes”
Entrada: 3,50 €, reserva previa obrigatoria.

Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Autor e director: Eduardo Alonso.
Reparto: Elina Luaces, Luma Gómez, Rosa Álvarez, Inma Antonio, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González.

As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Non sempre foi así. Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas ate o final. Máis chegaron as présas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, é preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pé. A xeito de metáfora da propia sociedade, as xentes de ben revélanse contra as imposicións absurdas e desmedidas. O caos que xeran pón a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas.

MÚSICA E DANZA – XACARANDAINA

Día e hora: domingo 29 de novembro ás 18.00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Actividade: Música e danza – XACARANDAINA
Entrada: de balde, reserva previa obrigatoria.

Programa: “Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021” da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina nace no ano 1978. É un gran referente da cultura do noso país pola súa labor histórica na recuperación do noso patrimonio cultural, sendo o máximo expoñente dos ideais de conservación, divulgación e dignificación do folclore de Galicia e querendo situalo no lugar que lle corresponde dentro das artes escénicas.

O Grupo ten como obxectivo a investigación do folclore galego, e para iso desprázase polas distintas aldeas e poboacións do país, facendo un importantísimo traballo de campo, recuperando músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos e traxes autóctonos. Froito deste labor o grupo ten recollidos e montados arredor de 150 bailes e outras tantas pezas de música, O domingo amosará en Muros unha escolma deste traballo.

Xacarandaina ten representado por toda Galicia numerosos espectáculos etnográficos que foron louvados pola crítica, o público e os medios de comunicación pola súa orixinalidade, calidade e rigorosidade escénica. Estes espectáculos ofrecen unha coidada escenografía e unha gran riqueza de vestiario de toda a xeografía galega e pretenden ser unha mostra do noso folclore que abrangue tódolos seus aspectos.

As entradas serán reservadas previamente nas oficinas do centro cultural e xuvenil de Muros, no teléfono 981 762 294 ou no correo electrónico cultura@muros.es, de luns a venres, de 8.30 a 15.00 h