A “XIV MOSTRA DE TEATRO XOSÉ AGRELO” da comezo en Muros; e neste fin de semana concentra as dúas primeiras actuacións de teatro amador, “XacoVedra” e “Ám@te”, representados por dous grupos de longa e relevante traxectoria dentro do panorama do teatro amador galego, Andaravía, de Vedra e o grupo de teatro da Asociación Cultural O Xeito de Esteiro; e continuará con unha mostra de espectáculos cada fin de semana ate o día 21 de maio.
Venres, 6 de maio, 21:00 h.
ANDARAVÍA TEATRO, de Vedra, representará “XACOVEDRA”Estamos en ano Xacobeo, con el ábrese un mundo de oportunidades que ninguén quere perder. Por medio de varios sketchs e cantigas presentan novas e disparatadas perspectivas do grande evento galego XACOVEDRA é unha comedia apta para tódolos públicos, un espectáculo de variedades do que é autor e director Manuel Cortés.
Sábado, 7 de maio, 21:00 h.
A.C. O XEITO, de Esteiro, presenta “ÁM@TE”Reparto: Esperanza Brea, Rosario Figueiras “Charo”, Mari Carmen Lariño, Olaia Lestón “de Rafaela”, Carmen Martelo “Martelo”, Moncho Mayo “Hassan”, Rodrigo Molinos “O Bolato”, Xulio Montes, Carlos Outeiral “Langas”, Manuel Priegue “París”, Ana del Río “Trión”, Uxía Valcarce “Uxi”
Dirección: Xosé Taxes FreireAs feridas do corazón non cicatrizan nunca.
Ante esta obra o grupo de teatro da asociación O Xeito reflexiona e interpreta a nosa realidade. Deste xeito, din, esta vella arte convértese no espello que pretendía Pirandello: “Se se puxese o ser humano ante un espello e observase como vive, suicidaríase ou morrería de risa”.
Tras o desacougante inicio da peza Ám@te, cunha letanía de expresións comunmente coñecidas (e tantas veces aceptadas), eses tópicos que perpetúan a violencia machista, a compañía declara a súa pretensión: que repensemos o que estamos a facer para finalizar esta traxedia social.
Nun mundo tan hipercomunicado que leva á máis absoluta incomunicación, os golpes, os berros, as humillacións derivan en feridas que non cicatrizan, mais as súas causas poden ser denunciadas a través do humor, que é unha das poucas armas pacificadoras. En Ám@te o humor preséntase como válvula de escape, non como frivolidade. Atopamos aquí situacións tan comunmente coñecidas que adoitamos esquecer, por veces forzosamente (para que non lastimen a nosa conciencia), ou deixar que vaian entrando (un problema máis, algo que deberemos resolver algún día) no devir da convulsa existencia, sen tempo para a reflexión ou a mirada crítica. Mais o escenario devólvenos o noso reflexo, cal nun espello.. A vida é teatro, e o teatro é a vida. Tal vez por iso Pepe Agrelo dicía sempre que o teatro non é literatura. A aventura da vida respira no escenario, por veces exhalando a máis dura realidade, historias que non se quererían escribir nunca, mais que cómpre representar. Tantas preguntas se desprenden desta pequena obra que mesmo a derradeira palabra, a sagrada palabra FIN, é cercada cunha interrogante: “FIN?”.
A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, quere agradecer aos grupos de teatro que participan na Mostra a súa boa disposición e colaboración, en especial neste ano que tentamos recuperar a normalidade pero isto, en especial no traballo voluntario da colectividade non é nada doado, pois na pandemia os grupos artísticos non profesionais foron esmorecendo, en Muros queremos amosar o traballo dos que puideron retomar a súa actividade e mostrar unha representación do que se está a facer máis aló do noso municipio, agardemos que no vindeiro ano poidamos gozar de moitos máis. Nas vindeiras semanas o programa continúa coas seguintes propostas:
Sábado 14 de maio, 21:00 h.- AQUELANDO TEATRO DE MUROS: “Unha Petición de Man e unha Voda”
Martes 17 de maio, 18:00 h.- PACO NOGUEIRAS “Extra!”
Xoves 19 de maio, 12:00 h.- GRUPO DE TEATRO DO CENTRO OCUPACIONAL DE VALADARES “O segredo do anel”
Venres 20 de maio, 20:00 h.- Presentación libro MONTEAGUDO ROMERO, Henrique “O idoima galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización”
Venres 20 de maio, 21:00 h.- METÁTASE TEATRO, de Palas de Rei, “Escola de Vaqueiras”
Sábado 21 de maio, 21:00 h.- TALÍA TEATRO “A parábola do Angazo”.
As entradas son de balde, ate completar aforo, mais poden ser reservadas por anticipación nas oficinas do centro cultural e polos métodos habituais. A concelleira anima a toda a veciñanza a acompañarnos e deste xeito axudar a retomar a dinámica social e animar aos nosos artistas a que continúen co seu esforzo e bo facer.