APORÍA ESCÉNICA | “ANIMAL SAGRADO”
Día: sábado, 24 de outubro de 2020.
Hora: 18.00 h.
Recinto: Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
Entrada: 2,50 €.
Incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
Obrigada a reserva previa, nas oficinas do Centro cultural, no 981762294, ou cultura@muros.es.
Aforo 50 persoas.
“Animal sagrado” procura traer á actualidade o amor profundo e respecto aos animais por medio da historia de tres animais considerados máxicos e sagrados en distintas culturas: O gato en Exipto, o elefante en África e os peixes Koi en Xapón.
Preténdese establecer un nexo entre a historia pasada e a presente, trazando un arco que transite desde o achegado e cotián ata o afastado e exótico. Desde realidades concretas ás que temos acceso, como os gatos nos refuxios de animais e a caza masiva de elefantes, ata as lendas milenarias de Xapón e a cultura do Antigo Exipto.
Sen fuxir da crúa realidade do maltrato animal, Animal Sagrado nútrese dun ideal que impulsa o espectáculo en cada acción e configura unha atmosfera onírica e esperanzadora: o soño de eliminar as barreiras entre o mundo humano e o mundo animal.
O máis relevante e singular desta proposta teatral é a potencia visual, cunha estética de trazos simples e orgánicos cargados de forza e significación. A escenografía está concibida como espazo sonoro mediante o emprego da percusión dos módulos e dos paus, conectándonos cos sons de culturas ancestrais e tradicionais que perviven no noso imaxinario e nos conectan de novo con elementos primixenios e esenciais da nosa condición. Os elementos máis novidosos deste espectáculo son as máscaras hiperrealistas do gato e do elefante, con grande expresividade, volumes e texturas, así como as marionetas dos peixes que danzan fluíndo polo espazo. Todos estes animais sagrados irrompen nas escenas de xeito inesperado, atrapando ao público con maxia e beleza.
É un espectáculo destinado a público familiar, especialmente recomendado a partir de 6 anos. Combina o teatro e a danza, aínda que tamén pode ser cualificado coma teatro de máscaras.
A interpretación corre a cargo de Jorge Gallardo e Diana Mera, quen tamén é autora e directora.