SEMINARIO | Realidade virtual e aumentada aplicada aos museos

A charla, que se impartirá en Muros o 11 de xuño, estará a cargo da empresa Xoia Extending Reality, creadora do primeiro museo 100% virtual en España.

A actividade enmárcase no proxecto Pasaporte REMA, financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) e na que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Galegos

O evento, que se pode seguir de xeito online, está aberto a todo o público.

O proxecto Pasaporte REMA achega a cultura do futuro aos museos. Para isto, a fábrica de Sel en Muros acolle o venres, 11 de xuño ás 10 horas, un seminario para mellorar a experiencia dos/as visitantes aos museos mediante o uso da realidade aumentada e virtual, entre outras tecnoloxías.

A charla estará a cargo da startup galega Xoia Extending Reality, creadora do primeiro museo 100% virtual en España. O seu CEO, Xoel Vázquez, explica que “o Museo 4.0 pode proporcionar unha experiencia auténtica e personalizada; que se inicia antes da propia visita ao espazo físico”. O mapeo interior no deseño das salas ou o emprego de sensores e beacons, que son pequenos dispositivos con tecnoloxía bluetooth que permiten a comunicación automatizada; son outros exemplos dos avances tecnolóxicos sobre os que falará durante o seminario.

Os membros da Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (Rede REMA), composta por 31 museos localizados en Galicia, Portugal e Asturias, están convidados a participar no evento. Ademais, calquera persoa ou institución interesada en poñer en valor o patrimonio mariñeiro atlántico europeo pode asistir ao seminario.

As persoas interesadas en acudir deben realizar a súa inscrición previa a través do correo electrónico: info@redrema.eu. A charla poderá seguirse tamén de xeito virtual. O público que non poida acudir de xeito presencial, facilitaráselle o enlace para isto.

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para isto, o proxecto persegue a implementación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos/as visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.