O CONCELLO DE MUROS PRESENTA UN PROGRAMA DE NADAL VARIADO PARA TODAS AS IDADES COA COLABORACIÓN DO TECIDO ASOCIATIVO E OS CENTROS DE ENSINO

Teatro, festivais, obradoiros, festas para todas as familias, concertos e as visitas de Papa Noel e os Reis Magos levarán a maxia do Nadal a todas as parroquias.

O Concello de Muros presentou onte o Programa de Nadal 2024, un mes cheo de actividades pensado para todas as idades. Os nenos e nenas serán os grandes protagonistas dun programa no que tamén colaboran activamente o tecido asociativo e os centros educativos municipais.

A alcaldesa, María Lago, destacou que se trata dunha programación “ampla e variada, que levará o Nadal a todas as parroquias grazas ao traballo conxunto de varias concellerías e á implicación de colexios e asociacións locais”. Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Caridad González, salientou a variedade de propostas: “preparamos unha oferta que combina actividades culturais, lúdicas e festivas, co obxectivo de que todas as familias de Muros poidan gozar dun Nadal especial”.

O programa inclúe numerosos eventos, como obradoiros, festas e concertos, destacando algúns momentos moi esperados:

  • O acendido do Nadal, que terá lugar o xoves 5 de decembro ás 19:00 horas no Curro da Praza, coa actuación de Cayetano Lledó e unha visita guiada polo casco histórico.
  • A visita de Papa Noel a Muros, o luns 23 de decembro.
  • A tradicional Cabalgata de Reis, o domingo 5 de xaneiro, co desfile dende Laxeiras (Serres) ata o Curro da Praza (Muros).
  • A Festa de Reis en Esteiro, o mércores 3 de xaneiro no pavillón Xosé Lago.

Ademais, haberá actividades en todas as parroquias, como obradoiros e sesións de contacontos, o Mercadiño Solidario o venres 13 de decembro coa colaboración dos centros educativos, o concerto de Nadal da Escola Municipal de Músicapara os usuarios do Centro de Día, e outros eventos destacados como:

  • A I Gala do Deporte, o sábado 21 de decembro.
  • O Festival Benéfico de Adisbismur, o domingo 22 de decembro.
  • A xa tradicional San Silvestre Muradana, o sábado 28 de decembro.

PROGRAMA COMPLETO