O Concello de Muros vén de presentar o seu programa de Nadal, unha ampla proposta cultural e festiva que se desenvolverá do 2 de decembro ao 10 de xaneiro, con actividades destinadas a todos os públicos e repartidas por todas as parroquias do municipio.
A programación incluirá teatro, festivais, obradoiros, concertos, festas familiares e as tradicionais visitas de Papá Noel e dos Reis Magos, facendo do Nadal un tempo de celebración compartida. O acendido das luces de Nadal terá lugar o venres 5 de decembro ás 18:30 h no Curro da Praza, marcando o inicio oficial das festas.
Un ano máis, o Concello conta coa colaboración dos centros educativos e de numerosas entidades e asociacións locais: AC Ponte Vella; Asociación O Xeito; ANPA Ricardo Tobío; ACRD Cabanas; Asociación Agrocovo; AF Ximiela; Adisbismur; Asociación Abelleira E.; ED Os Miúdos; CA Serres Runners; Coral Don Diego de Muros e Asociación Fouleada, cuxo apoio resulta esencial para o desenvolvemento da programación.
O programa arrancará con obradoiros e unha foliada en Abelleira, previos ao acto de acendido, e continuará ao longo de máis dun mes con múltiples propostas culturais e sociais. As grandes citas do Nadal serán a visita de Papá Noel o 23 de decembro e a Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, dous dos momentos máis esperados por nenos e nenas.
A alcaldesa, María Lago, salienta que se trata dunha “programación ampla e variada, na que traballaron varias concellerías e que levará o Nadal a todas as parroquias de Muros”, agradecendo así mesmo “o agarimo e a colaboración da comunidade educativa e do tecido asociativo local”.
A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca “un programa moi completo para que as familias poidan desfrutar dunha oferta cultural e festiva de calidade”. Pola súa parte, a concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, subliña “a colaboración das ANPA e de toda a comunidade educativa”, e a concelleira de Igualdade e Muller, Maruxa Martínez, pon en valor “a diversidade de actividades en todas as parroquias e para todas as idades”.
O programa incluirá contacontos, concertos de Nadal da Escola Municipal de Música, teatro, Festas do Nadal e un mercadiño solidario o venres 12 de decembro. Ademais, celebraranse citas destacadas como a Gala do Deporte o sábado 20 de decembro, o Festival Benéfico de Adisbismur o domingo 21, a carrera San Silvestre o día 27 e a Festa de Fin de Ano no Curro da Praza, prevista para a noite do 31 de decembro. O ciclo concluirá o 3 de xaneiro coa Festa de Reis en Esteiro.
