Día e hora: sábado 22 de abril, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Danza – PAULA QUINTAS Cía – “NINA NINETTE”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
O 29 de abril celébrase o día internacional da danza, e o Concello de Muros quere contribuír a esta celebración, coa programación dun excelente espectáculo de danza para público familiar, que programa para este sábado, día 22, convencidas de que encherá de xúbilo ao público familiar do municipio.
“Nina Ninette” é un espectáculo de danza contemporánea para público infantil e familiar da compañía Paula Quintas, interpretado por Marta Alonso, Paula Quintas e Carlota Mosquera; enmarcado na estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer (Bauhaus, 1922), para danzar unha historia de beleza e rebeldía, onde a figura dunha Cincenta actual, (Nina), representa a nena oprimida que loita para transformar a súa realidade, familiar, escolar, … converténdose nunha heroína por méritos propios.
Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Todo é tan diferente, tan brillante, tan fermoso! Pero Nina sente a falla do seu fogar e decide marchar; mais ese mundo é un labirinto e, coma todos os labirintos, é moi doado entrar pero moi complicado saír.
María Torres, autora e directora da peza, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas forman un equipo de creación para acadar este marabilloso espectáculo, iniciado a partir da estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer, na conmemoración do centenario da súa estrea.
A función está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 3,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.
A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a todo a público familiar da veciñanza á achegarse a celebrar o día da danza con este espectáculo, que ten a confianza de que encandilará á rapazada e ás súas familias.