O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros proxectará Los Domingos, a nova película de Alauda Ruiz de Azúa, gañadora da Concha de Ouro

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica coa proxección de Los Domingos, a nova longametraxe dirixida por Alauda Ruiz de Azúa, que poderá verse durante a fin de semana do venres 16 ao domingo 18 de xaneiro.

Tras o éxito de Cinco lobitos, a cineasta volve ás salas cun drama íntimo e profundo que aborda cuestións como a fe, a identidade persoal e as expectativas familiares. Los Domingos conta a historia de Ainara, unha moza de 17 anos que, no momento de decidir o seu futuro académico, sorprende á súa familia ao expresar o seu desexo de ingresar nun convento de clausura, desencadeando unha situación límite que pon a proba os vínculos e as conviccións de todos os seus membros.

O filme está protagonizado por Blanca Soroa, xunto a un destacado reparto no que participan Patricia López Arnaiz, Juan Minujín, Nagore Aramburu, Miguel Garcés e Mabel Rivera. Cunha duración de 118 minutos, Los Domingos aposta por un cinema contido, sensible e cheo de matices, no que a mirada da directora acompaña aos personaxes con respecto e profundidade.

A película vén avalada por unha extraordinaria acollida en festivais, destacando a súa participación na Sección Oficial do Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, onde foi recoñecida coa Concha de Ouro, ademais de recibir o Premio Irizar ao Cine Vasco, o Premio Feroz Zinemaldia e o Premio SIGNIS, entre outros galardóns. Así mesmo, foi distinguida como Mellor Película nos Premios Forqué 2025, xunto ao premio á mellor interpretación feminina.

Dende a concellería de Cultura, Caridad González sinala que “Los Domingos é unha película valente e necesaria, que convida á reflexión e ao diálogo arredor de temas complexos desde unha ollada honesta e sensible. É un exemplo do cinema contemporáneo de calidade que queremos achegar ao público de Muros, dentro dunha programación estable e coidada”.

Sesións:

  • Venres, 16 de xaneiro ás 20:30 h
  • Sábado, 17 de xaneiro ás 20:30 h
  • Domingo, 18 de xaneiro ás 19:00 h

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros

Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.