O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica cunha proposta pensada especialmente para o público infantil e familiar: Los guardianes del diente mágico, unha película de animación que combina maxia, humor e valores como a amizade e a diversidade.
O filme poderá verse o sábado 10 e o domingo 11 de xaneiro ás 17:00 h, ofrecendo unha opción perfecta para gozar do cine en familia durante as vacacións.
Dirixida por Michael Johnson, Los guardianes del diente mágico preséntanos a Van, unha nova fada dos dentes inconformista que soña con descubrir que existe máis alá do seu mundo pechado. A súa aventura comeza cando coñece a Rupee, un adorable troll, e a Gemma, unha goblin apaixonada pola ciencia. Xuntos emprenderán unha misión épica para unir reinos separados polos prexuízos, mentres se enfrontan á ameaza da temible Raíña Araña.
A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “Los guardianes del diente mágico é unha proposta pensada para gozar en familia, que combina entretemento e valores positivos, e que forma parte da aposta do Concello por unha programación de cine accesible para todos os públicos”.
Sesións:
Los guardianes del diente mágico
Sábado, 10 de xaneiro ás 17:00 h
Domingo, 11 de xaneiro ás 17:00 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
