A nova temporada inclúe teatro, circo e cine, cunha oferta que combina diversidade, calidade e acceso para todos os públicos.
Destacan propostas como “O Dragón de Ouro” de Sarabela Teatro, espectáculos infantís e o circo de Pistacatro para o Día Mundial do Circo.
O Concello de Muros presenta a programación cultural para o primeiro semestre de 2025 no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil. O calendario inclúe un total de 10 espectáculos que abranguen teatro, circo e cine, pensados para público infantil, xuvenil e adulto. Trátase dunha aposta decidida por achegar propostas culturais de alta calidade a toda a veciñanza.
A temporada inaugurarase o sábado 11 de xaneiro coa obra “Boa sorte, mala fama” da compañía Tarabela Creativa. Este espectáculo, centrado na temática da emigración, conta co valor engadido de que participou como informante na súa creación o veciño muradán Tono Beiro, o que achega unha conexión especial coa realidade local. A obra busca reflexionar sobre un fenómeno profundamente arraigado na nosa historia e identidade, ofrecendo unha narrativa emocional e comprometida.
Caridad González, concelleira de Cultura, destacou o compromiso do Concello por ofrecer unha programación diversa e para todos os públicos: “Queremos que o auditorio continúe sendo un punto de encontro cultural e social. Esta programación reafirma o noso compromiso por achegar experiencias culturais enriquecedoras e accesibles, poñendo a diversidade e a calidade no centro da nosa oferta. A colaboración coa AGADIC e a pertenza á Rede Galega de Teatros e Auditorios permítenos traer ao noso concello espectáculos de primeiro nivel, garantindo o acceso da veciñanza a unha programación cultural de calidade.”
Entre as propostas máis destacadas deste semestre atópase “O Dragón de Ouro” de Sarabela Teatro, que se representará o sábado 8 de marzo. Esta obra, dirixida ao público adulto, aborda temáticas sociais e humanas cunha posta en escena contemporánea e emocionante, sendo unha das apostas máis ambiciosas e esperadas do programa.
A programación inclúe tamén espectáculos infantís como “Compaña” de Xampatito Pato ou “A teteira de Kabul” de Xarope Tulú, así como propostas para todos os públicos como o circo de “Petit Cabaré” de Pistacatro, que celebrará o Día Mundial do Circo, e obras de humor e crítica social como “Nabiza Girl II” de Isabel Risco.
Ademais, o auditorio tamén acollerá a estrea do filme documental “O último berro” de Trapos Sucios, unha peza audiovisual que recolle o seu último concerto na pasada edición do festival Castelo Rock.
María Lago, alcaldesa de Muros, subliñou o éxito de público acadado en 2024 e o papel fundamental do auditorio como motor cultural: “O 2024 foi un ano extraordinario, con altísimos índices de participación nos espectáculos programados. Estamos convencidas de que este 2025 será igual de exitoso, grazas a unha oferta cultural que se adapta aos intereses de todas as persoas e reafirma o noso compromiso co acceso universal á cultura.”
As entradas poden adquirirse de forma anticipada ata o día anterior de cada espectáculo nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros ou a través do formulario habilitado na páxina web oficial www.muros.gal.
Programa completo:
https://drive.google.com/file/d/1ZUiZokQf3HzvY1UvBpavMbQHoun2Igs4/view?usp=share_link
Colaboran:
AGADIC (Rede Galega de Teatros e Auditorios)