O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá unha nova fin de semana de cine coa proxección de dúas propostas dirixidas a distintos públicos: “Calle Málaga” e “Tafiti y sus amigos”.

Por unha banda, proxectarase “Calle Málaga”, un filme protagonizado por Carmen Maura que narra a historia de María Ángeles, unha muller de 79 anos que vive en Tánxer e que ve como a súa vida cambia coa chegada da súa filla, decidida a vender o fogar familiar. A película aborda temas como a identidade, a memoria e a capacidade de reinventarse, nun relato íntimo e emotivo.
As sesións terán lugar o venres 1 e o sábado 2 de maio ás 20.30 horas, así como o domingo 3 de maio ás 19.00 horas.

Por outra banda, o público familiar poderá gozar de “Tafiti y sus amigos”, unha aventura de animación que conta a historia dunha pequena suricata que, xunto a un inesperado compañeiro, emprende unha viaxe polo deserto para atopar unha flor capaz de salvar ao seu avó. Unha proposta chea de valores como a amizade, a cooperación e a superación.
Esta película proxectarase o sábado 2 de maio ás 18.00 horas e o domingo 3 de maio ás 17.00 horas.
A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou a importancia de ofrecer unha programación diversa: “Seguimos traballando para achegar propostas cinematográficas que combinen diferentes xéneros e públicos, garantindo unha oferta cultural estable e accesible cada fin de semana”.
As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.