O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros ofrece unha fin de semana con dobre proposta teatral

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá esta fin de semana unha dobre cita co teatro, cunha programación que combina estilos e linguaxes escénicas diferentes para ofrecer unha proposta cultural variada ao público.

A programación comezará o venres 10 de abril ás 20.30 horas coa actuación de Quico Cadaval, que presentará o seu espectáculo “30 anos a contar historias. Notas de rodapé”. Trátase dunha proposta que mestura narración oral, teatro e literatura en vivo, nun formato próximo e participativo no que o público xoga un papel fundamental na construción das historias.

Ao día seguinte, o sábado 11 de abril ás 20.30 horas, será a quenda de “Absurdia”, da compañía Dani Blanco, unha proposta de teatro contemporáneo que leva ao espectador nun universo simbólico e inquietante. A obra, de carácter existencialista, combina humor, surrealismo e improvisación para reflexionar sobre o absurdo da condición humana.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou a importancia de ofrecer unha programación variada: “Esta fin de semana propoñemos dúas formas moi diferentes de achegarse ao teatro, desde a palabra e a narración oral ata o teatro contemporáneo máis experimental. Seguimos apostando por unha programación diversa que permita ao público descubrir novas propostas escénicas e gozar da cultura no noso auditorio”.

Con esta programación, o Concello de Muros continúa apostando por ofrecer unha oferta cultural diversa e de calidade, consolidando o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil como un espazo de referencia para as artes escénicas.

As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil.