O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros ofrece esta fin de semana dúas propostas cinematográficas con Leones en invierno e La oveja Shaun: Misión Calabaza

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa a súa programación cinematográfica de novembro cunha fin de semana que combina dous xéneros e propostas para diferentes públicos: Leones en invierno, un thriller protagonizado por Luis Zahera, e La oveja Shaun: Misión Calabaza, unha película de animación pensada para gozar en familia. Por unha banda, Leones en invierno presenta unha historia marcada pola dor, a vinganza e a procura de xustiza. Tras a morte da súa filla nun atropelo, un pai decide investigar pola súa conta para descubrir quen está detrás do sucedido. Unha procura que o levará a mergullarse nunha trama de corrupción e crime. Pola outra, La oveja Shaun: Misión Calabaza achega unha aventura chea de humor e situacións disparatadas. Cando os preparativos para Halloween na granxa Mossy Bottom se complican, Shaun e o resto do rabaño terán que facer fronte a un experimento descontrolado e á aparición dunha misteriosa criatura.

A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “queremos que o Auditorio sexa tamén un lugar ao que acudir para descubrir historias diferentes a través do cinema. Esta fin de semana pasamos dun thriller cunha trama intensa a unha aventura de animación chea de humor, dúas maneiras moi distintas de gozar da pantalla e de compartir cultura”.

As proxeccións de Leones en invierno terán lugar o venres 6 e o sábado 7 de novembro, ás 20:30 horas, e o domingo 8, ás 19:00 horas. Pola súa banda, La oveja Shaun: Misión Calabaza poderá verse o sábado 7, ás 18:00 horas, e o domingo 8, ás 17:00 horas.

As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica municipal, a través de www.muros.gal, e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.