O auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros inaugura a temporada de outono-inverno con cine, teatro, danza e maxia

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros inaugura esta fin de semana a súa programación de outono-inverno coa estrea de El cautivo, a nova película de Alejandro Amenábar, e presenta unha ampla oferta cultural que se prolongará ata finais de decembro. Teatro, danza, maxia e cine compoñen unha programación diversa dirixida a todo tipo de públicos.

En outubro, o auditorio acollerá propostas como Os contos do lobicán de Redrum Teatro (sábado 11, ás 18:00 h), pensado para público familiar, ou Un deus salvaxe, a recoñecida peza de Talía Teatro (sábado 25, ás 20:30 h), destinada a público adulto. O mes pecharase con danza: OD(I)OSA, da compañía Morriña Dance Project (domingo 26, ás 18:00 h) dentro do programa da Deputación da Coruña, “Outono das artes”.

En novembro a programación inclúe títulos como Coa cabeza nas nubes de SÖA Cía (sábado 1, ás 18:00 h), Esas cousas marabillosas de Empatía Teatro (sábado 15, ás 20:30 h) ou Sol Fuerza de aAntena (sábado 29, ás 20:30 h). Xa en decembro, a maxia será protagonista con Un show incríbel de Cayetano Lledó (sábado 27, ás 18:00 h).

A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca: “Dende a área de cultura do Concello de Muros seguimos apostando por unha programación estable, diversa e de calidade, que achegue ao noso auditorio teatro, danza, cine e maxia pensados tanto para público adulto como familiar. Queremos que o auditorio sexa un espazo vivo que fomente a participación cultural, cunha oferta continuada que garanta actividade todos os fins de semana.””

As entradas para os espectáculos do mes de outubro xa están dispoñibles a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil.