O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros abrirá o ano 2026 coa estrea de Rondallas, a nova longametraxe dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, que poderá verse durante a fin de semana do venres 2 ao domingo 4 de xaneiro.
A película, unha comedia vitalista para todos os públicos, sitúase dous anos despois do tráxico naufraxio dun barco pesqueiro que marcou a un pequeno pobo mariñeiro galego. Tras o loito, algúns membros da rondalla local deciden volver unirse para recuperar a ilusión, poñer en marcha de novo a agrupación e competir nun concurso contra outras localidades veciñas, pero sobre todo para empezar a mirar cara adiante.
O filme conta cun elenco integramente galego encabezado por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas, xunto a Judith Fernández, Carlos Blanco, Fer Fraga, Xosé A. Touriñán, Marta Larralde e Lola López Rodríguez.
Dende a Concellería de Cultura, Caridad González destaca que “Rondallas é unha película moi especial, profundamente ligada á identidade, á memoria colectiva e á música tradicional galega, e parécenos unha forma magnífica de comezar o ano cun cinema que emociona e que fala do noso”. A concelleira subliña tamén “a aposta do auditorio por achegar estreas recentes e cinema galego de calidade ao público da vila”.
Producida por Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie AIE, Rondallas supón o regreso ao cinema de Daniel Sánchez Arévalo tras títulos tan recoñecidos como Azul oscuro casi negro, Primos ou Diecisiete, cunha historia que combina humor, emoción e unha ollada optimista cara ao futuro.
Horarios:
- Venres, 2 de xaneiro ás 20:30 h
- Sábado, 3 de xaneiro ás 20:30 h
- Domingo, 4 de xaneiro ás 19:00 h
- Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.