O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o próximo fin de semana, sábado 28 de febreiro ás 20:30 horas, a representación de Vitória, unha peza de teatro autobiográfico escrita e protagonizada por Iria Pinheiro.
A obra constrúe o retrato dunha denuncia e reconstrúe o proceso xudicial iniciado pola actriz tras interpoñer unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. A través dun dispositivo escénico que combina documentación xudicial real co xogo e a ironía propios do cabaré, a peza percorre os anos comprendidos entre 2017 e 2023.
Con 75 minutos de duración e dirixida a público maior de 16 anos, Vitória sitúase no marco do foco dedicado ás creadoras de escena e constitúe unha proposta que aborda cuestións como a violencia, a exposición pública e a resistencia persoal desde a linguaxe teatral contemporánea.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “Vitória é unha peza necesaria que demostra como o teatro pode converterse nun espazo de reflexión e tamén de reparación”. A edil subliñou que “apostar por propostas como esta reforza a nosa vontade de manter unha programación cultural diversa, comprometida e de calidade”.
As entradas teñen un prezo de 4 euros e poden adquirirse na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
