O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá a proxección de “Michael”, o biopic que retrata a vida e legado de Michael Jackson, unha das figuras máis relevantes da música a nivel internacional.
A película ofrece un percorrido pola traxectoria do artista, desde os seus inicios como membro dos Jackson Five ata a súa consolidación como estrela mundial, amosando tanto a súa evolución artística como aspectos da súa vida persoal. O filme combina momentos íntimos co recordo dalgunhas das actuacións máis icónicas da súa carreira.
As proxeccións terán lugar o venres 8 de maio ás 20.30 horas, o sábado 9 de maio en dúas sesións, ás 18.00 e ás 20.30 horas, e o domingo 10 de maio tamén en dobre sesión, ás 17.00 e ás 19.30 horas.
A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou o interese desta proposta: “Seguimos apostando por unha programación cinematográfica variada e atractiva, que achegue ao público tanto grandes producións actuais como historias que forman parte da memoria colectiva”.
As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
