O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle a proxección de 200 % Wolf: Pequeno gran lobo, unha aventura de animación para toda a familia

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica familiar coa proxección de 200 % Wolf: Pequeno gran lobo, unha divertida e emocionante película de animación que poderá verse durante a fin de semana do sábado 17 e domingo 18 de xaneiro, ás 17:00 h.

Nesta nova entrega, Freddy Lupin, o caniche máis valente do cinema, regresa cunha misión chea de acción e emoción. Tras pedir un desexo que nunca imaxinou que se faría realidade, Freddy consegue transformarse nun gran lobo, pero a cambio pon en perigo a vida do seu novo amigo Moopoo, un espírito lunar. Xunto á súa pandilla, Freddy deberá emprender unha carreira contrarreloxo para devolvelo ao seu fogar antes de que a súa luz interior se apague para sempre.

Dirixida por Alexs Stadermann, 200 % Wolf é unha proposta de animación pensada para público infantil e familiar, que combina aventura, humor e valores como a amizade, a responsabilidade e a importancia de asumir as consecuencias das propias decisións.

A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “200 % Wolf: Pequeno gran lobo é unha opción perfecta para gozar do cine en familia, cunha historia entretida e chea de mensaxes positivas, que se suma á aposta do auditorio por ofrecer programación cinematográfica para todos os públicos”.

Sesións:

  • Sábado, 17 de xaneiro ás 17:00 h
  • Domingo, 18 de xaneiro ás 17:00 h

Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros ou nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.