O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros pechará o ano cunha proposta pensada para gozar en familia: Un show incríbel, o espectáculo de maxia de Cayetano Lledó, que terá lugar o sábado 27 de decembro ás 18:00 h.
Trátase dun espectáculo cheo de humor, música e efectos sorprendentes, no que o ilusionismo se mestura coa comedia para crear unha experiencia dinámica e participativa. Ao longo da función, o público será testemuña de xogos imposibles, situacións inesperadas e momentos cheos de sorpresa, nun formato pensado para público familiar.
Cayetano Lledó é un mago con ampla traxectoria internacional, con participación en festivais e congresos de maxia dentro e fóra de Europa, e actuacións en teatros de países como Canadá, Xapón, China, Francia, Italia, Finlandia ou Suíza. Neste espectáculo reúne técnicas innovadoras xunto a clásicos da maxia, adaptados a un ton próximo e divertido para todas as idades.
A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “Un show incríbel é unha proposta perfecta para o Nadal, un espectáculo familiar que combina ilusión, humor e participación, e que convida a compartir cultura e diversión nunha data tan especial”.
- Sábado, 27 de decembro ás 18:00 h
- Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
- Espectáculo de maxia familiar
- Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
