O Concello de Muros acollerá o vindeiro luns 20 de abril ás 19.00 horas en Sel a presentación do libro “As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936”, da autora Carmen V. Valiña, unha obra que afonda na memoria histórica desde unha perspectiva de xénero.
O libro recupera as historias de mulleres internadas no manicomio de Conxo entre finais do século XIX e comezos do XX, persoas que, marcadas pola súa condición de mulleres, pobres ou rebeldes, quedaron á marxe da historia oficial. A través dos seus relatos, a autora constrúe unha narración que reivindica a súa voz e pon en valor a súa experiencia vital.
Tal e como se recolle na presentación da obra, trátase dun libro “sobre as que nunca importaron”, que busca dar visibilidade a aquelas vidas silenciadas e cuestionar os relatos históricos establecidos .
A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou a importancia de iniciativas como esta: “A través desta obra damos voz a mulleres que foron silenciadas durante décadas. É fundamental seguir promovendo actividades que recuperen a memoria histórica e que nos permitan reflexionar sobre o noso pasado desde unha perspectiva máis xusta e inclusiva”.
