MEDIO | Plan de acción para o clima e a enerxía sostible (PACES) do Concello de Muros

No ano 2008 a Comisión Europea creou o “Pacto dos Alcaldes” co propósito de alcanzar unha serie de obxectivos en materia de clima e enerxía para todos aqueles municipios que voluntariamente se comprometesen a alcanzar estes obxectivos.

As cidades asinantes comprométense a actuar para apoiar a implantación do obxectivo europeo de redución dos gases de efecto invernadoiro nun 40% para 2030 e a adopción dun enfoque común para o impulso da mitigación e a adaptación ao cambio climático. Dende entón son máis de 10.000 os municipios de 60 países, a maior parte en Europa que se foron comprometendo cos obxectivos fixados, abarcando unha poboación de máis de 320 millóns de habitantes.

No ano 2015 o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, mediante un proceso consultivo, fixa novos retos: as cidades asinantes comprométense a apoiar activamente a implantación do obxectivo de redución dos gases de efecto invernadoiro nun 40% para o ano 2030.

A tradución deste compromiso materialízase nos PACES: Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable no que se esbozan as accións clave que se pretende acometer. O plan inclúe un inventario de emisións de referencia para realizar o seguimento das accións de mitigación e unha Avaliación de Riscos e Vulnerabilidades Climáticas.

O Concello de Muros adhírese ao pacto dos alcaldes no ano 2019 por medio da sinatura do compromiso por parte da alcaldesa tras o acordo plenario polo que o Concello de Muros a través dos seus representantes políticos acepta os compromisos que se resumen a continuación:

  • Reducir as emisións de CO2 (e, posiblemente, outras emisións de gases de efecto invernadoiro) no seu territorio nun 40 % como mínimo de aquí a 2030, en particular a través da mellora da eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.
  • Aumentar a súa resiliencia mediante a adaptación ás repercusións do cambio climático.

O xoves 14 de maio de 2020 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia publica no DOG nº 93 a ORDE do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020 (código de procedemento MT210A).

O 12 de xuño de 2020 o Concello de Muros solicitou a subvención anterior para a elaboración o seu Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), a cal foi concedida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o 1 de setembro de 2020, por un importe máximo de 6.000,00 (IVE incluído) o que cubre o 100% dos gastos deredacción do plan.

A elaboración do proxecto foi adxudicada á empresa Sicasoft Solutions, SL para “Asistencia técnica para a redacción do plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES)” por un importe de 3630,00 € (IVE incluído),que presentou o documento no Concello e finalmente este, foi aprobado por maioría absoluta dos membros presentes no Pleno municipal do Concello de Muros celebrado o 26 de novembro de 2020.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close