BANDO DA MANCOMUNIDADE DE AUGAS MUROS-CARNOTA
A Xunta de Galicia activou a situación de prealerta por escaseza moderada de auga na conca hidrográfica do río Tambre e na ría de Muros e Noia, ámbito no que se atopan os municipios de Muros e Carnota.
Ante esta situación e tendo en conta o incremento do consumo asociado ás altas temperaturas e ao período estival, a Mancomunidade de Augas Muros-Carnota considera necesario adoptar medidas extraordinarias de aforro e uso responsable da auga, co obxectivo de preservar este recurso esencial e garantir o abastecemento á poboación.
A auga é un recurso limitado e de primeira necesidade. Por este motivo, faise un chamamento á responsabilidade e á colaboración de toda a veciñanza, visitantes, actividades económicas e usuarios da rede, solicitando que se extreme o aforro e se eviten todos aqueles consumos que non sexan estritamente necesarios.
- USOS PROHIBIDOS DA AUGA DA REDE DE ABASTECEMENTO
Desde a publicación deste bando e ata novo aviso, quedan prohibidos osseguintes usos da auga potable da rede:
• O rego de xardíns, hortas, céspedes, plantacións e demais zonas verdes.
• O enchido ou reposición de auga en piscinas, tanto particulares como de calquera outro tipo, salvo os usos expresamente autorizados pola normativa aplicable.
• O lavado de vehículos, agás nos establecementos autorizados para tal fin e que dispoñan dos sistemas de recuperación ou aforro de auga esixibles.
• A limpeza de beirarrúas, rúas, patios, terrazas, fachadas, muros e outros espazos exteriores mediante o uso de auga da rede.
• Calquera outro uso da auga potable que non sexa esencial e que implique un consumo elevado ou innecesario. - LIMITACIÓN E SUSPENSIÓN DOS PUNTOS DE AUGA DE USO PÚBLICO
Como medida adicional de aforro, e mentres permaneza a situación de prealerta, a Mancomunidade procederá á suspensión temporal ou peche dos puntos de subministración de auga de uso público, incluíndo, entre outros:
• Duchas públicas situadas en praias, áreas recreativas ou outros espazos públicos.
• Fontes e outros puntos de auga potable de uso non esencial.
• Bocas ou puntos de abastecemento de auga destinados a autocaravanas e vehículos similares.
• Calquera outro punto de subministración de auga pública cuxo uso non sexa imprescindible para garantir as necesidades básicas da poboación. - USO RESPONSABLE DA AUGA
Así mesmo, recoméndase a toda a poboación:
• Reducir ao mínimo imprescindible o consumo de auga.
• Evitar deixar correr a auga innecesariamente.
• Revisar e reparar fugas ou avarías nas instalacións particulares.
• Utilizar electrodomésticos, como lavadoras e lavalouzas, con carga completa.
• Priorizar sempre os usos básicos e imprescindibles da auga potable. - POSIBLES MEDIDAS ADICIONAIS
A Mancomunidade de Augas Muros-Carnota realizará un seguimento da evolución do consumo e da dispoñibilidade de auga.
No caso de que non se produza unha redución suficiente do consumo, se agrave a situación de escaseza ou non se respecte o establecido neste bando, a Mancomunidade poderá verse na necesidade de adoptar novas medidas restritivas para garantir o abastecemento á poboación, incluíndo, se fose necesario, limitacións ou cortes temporais na subministración de auga.
O obxectivo destas medidas non é outro que evitar chegar a situacións máis graves e garantir que a auga dispoñible sexa suficiente para cubrir as necesidades básicas de toda a veciñanza.
A Mancomunidade agradece a colaboración de toda a cidadanía e lembra que cada litro de auga aforrado contribúe a garantir o abastecemento de todos e todas.
Neste contexto, especialmente durante o período de altas temperaturas e maior demanda, o uso responsable da auga é unha responsabilidade colectiva.
A Alcaldesa de Muros María Lago Lestón | O Alcalde de Carnota Juan Manuel Saborido Rama

