O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros incorporará á súa programación cinematográfica unha das grandes estreas do cinema español deste ano. La bola negra, a nova película de Javier Calvo e Javier Ambrossi, poderá verse en Muros desde o mesmo día da súa chegada ás salas de cine de todo o país, o vindeiro 25 de setembro.
O filme chega avalado por unha extraordinaria acollida internacional tras obter o premio á Mellor Dirección no Festival de Cannes e foi recentemente seleccionado pola Academia de Cine para representar a España na carreira cara ao Oscar á Mellor Película Internacional na edición de 2027.
Inspirada nunha obra inacabada de Federico García Lorca, La bola negra constrúe un relato que conecta as vidas de tres homes pertencentes a épocas diferentes a través de cuestións como o amor, o desexo, a identidade, a memoria e a liberdade. A película conta cun destacado reparto encabezado por Guitarricadelafuente, Miguel Bernardeau, Carlos González, Milo Quifes e Lola Dueñas, ademais das colaboracións especiais de Penélope Cruz e Glenn Close.
A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou que “é unha satisfacción poder ofrecer en Muros a estrea dunha das películas españolas máis importantes do ano, permitindo que o público poida desfrutala desde o primeiro día da súa chegada ás salas”. A edil subliña ademais que “o Auditorio segue consolidándose como un espazo de referencia tamén para o cinema, achegando á veciñanza títulos de máxima actualidade e relevancia cultural”.
As proxeccións de La bola negra terán lugar nas seguintes datas:
📅 Venres, 25 de setembro · 20:30 h
📅 Sábado, 26 de setembro · 17:30 h e 20:30 h
📅 Domingo, 27 de setembro · 17:00 h
As entradas xa están dispoñibles a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
ℹ️ Máis información sobre a programación cultural e cinematográfica en www.muros.gal e nas redes sociais de @muroscultura.
