O prazo de preinscrición será do 29 de setembro ao 6 de outubro
| Formulario de preinscrición
| Bases |
1. Obxecto da actividade
A Escola municipal de debate e oratoria, promovida polo Concello de Muros a través da Concellería de Ensino e Lingua, nace como un espazo educativo e participativo que ten como obxectivo principal desenvolver as destrezas comunicativas da mocidade en lingua galega. A iniciativa, dirixida ao alumnado de 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, procura fomentar o debate, o pensamento crítico e a capacidade de expresión en público, ao tempo que consolida espazos de reflexión arredor de temas de actualidade e interese social.
Con este proxecto queremos impulsar o uso oral do galego entre a mocidade muradá, ofrecéndolle un espazo para expresarse con liberdade, compartir opinións sobre asuntos que lles afectan e rachar coa idea dunha mocidade pasiva. A través dunha formación práctica en oratoria, argumentación, linguaxe non verbal, escoita activa e debate, buscamos reforzar habilidades sociais esenciais e, ao mesmo tempo, poñer en valor a nosa lingua como ferramenta básica para dialogar, defender ideas e construír colectivamente. As sesións estarán dinamizadas por profesionais especializados e desenvolveranse na antiga EEI Muros.
O proxecto inclúe actividades complementarias como torneos de debate, encontros entre centros educativos e exposicións orais abertas á cidadanía.
2. Participantes e requisitos
Poderá participar todo o alumnado matriculado que curse 6º de Educación Primaria, 1º, 2º, 3º ou 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e Ciclos Formativos tendo preferencia o alumnado matriculado en centros educativos do municipio de Muros.
A participación é voluntaria, individual e non poderá ser cedida a terceiros.
O número máximo de prazas será de 48 en total. En función do número de inscricións, estableceranse grupos diferenciados por etapa educativa, cun mínimo de 8 persoas e un máximo de 16 por grupo, co obxectivo de garantir a calidade pedagóxica.
No caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñibles, a selección realizarase por orde de inscrición.
3. Preinscrición e matrícula
O prazo de preinscrición será do 29 de setembro ao 6 de outubro.
A inscrición formalizarase mediante a entrega do seguinte formulario en liña, incluíndo datos persoais do/a participante e consentimento da persoa ou persoas representantes legais:
Formulario de preinscrición
A confirmación da participación será comunicada ás familias ou ao alumnado inscrito antes do inicio das aulas.
Unha vez confirmada a praza establécese un período de matrícula que vai do 8 ao 10 de outubro.
4. Estrutura e horarios da actividade
A escola dividirase en grupos segundo a etapa educativa:
• 2025 (outubro – decembro): 10 clases de 1 hora e media
• 2026 (xaneiro – xuño): 19 clases de 1 hora e media
As sesións desenvolveranse na antiga EEI Muros (Rúa Alameda, 4 15250 Muros) nos seguintes días e horarios:
As sesións desenvolveranse os mércores, en horario de 16:00 a 20:30 horas. A distribución concreta deste tempo establecerase en función dos grupos que se formen, respectando os mínimos e máximos do alumnado por grupo e as etapas educativas correspondentes.
5. Cota de participación
A cota de participación será de 20,00 € mensuais e realizarase unha vez comunicada a aceptación da praza por parte do Concello de Muros.
6. Beneficios da participación
• Favorecer o uso da lingua galega entre a mocidade, tanto en contextos formais como informais.
• Traballar a oratoria e a fluidez comunicativa como habilidades sociais fundamentais.
• Crear novos espazos de socialización en galego mediante o traballo en equipo.
• Escoitar e dar protagonismo á opinión da mocidade arredor de temas de actualidade, afastando estereotipos.
• Fomentar a diversidade de puntos de vista e a tolerancia ante diferentes posicións.
• Desenvolver habilidades comunicativas, expresión oral e non verbal.
• Fomentar a confianza, autoestima e capacidade de falar en público.
• Estimular o pensamento crítico, capacidade de argumentación e reflexión.
• Mellorar o rendemento académico e preparación para a vida profesional.
• Promocionar a participación democrática, inclusión e equidade.
7. Normas de participación
• As sesións serán presenciais e o alumnado deberá asistir puntualmente.
• Calquera incidencia ou ausencia deberá comunicarse ao Concello de Muros.
• A participación implica o respecto polas normas de convivencia, polas quendas de palabra e pola metodoloxía de debate e oratoria.
• O incumprimento das normas poderá supoñer a exclusión temporal ou definitiva da actividade.
8. Modificacións e incidencias
Calquera circunstancia non recollida nestas bases será resolta polo Concello de Muros, que poderá realizar modificacións en función das necesidades pedagóxicas ou organizativas.

