O Mercado Municipal de Muros acolle do 16 ao 18 de outubro unha nova edición de Culturgal Expandido, cunha programación gratuíta que reúne literatura, concertos, actividades infantís, espectáculos e baile tradicional para todos os públicos.
Ao longo de tres días, pasarán por Muros nomes como Cándido Pazó, Samuel L. París, Silvia Pena, Jesús Andrade, Marga Tojo, Diego Ameixeiras, Carlos Lixó, Lisdexia, Lois Pérez, Secho e Artur Puga, entre outros, nunha proposta que combina creación contemporánea e tradición.
A programación inclúe actividades para diferentes idades e intereses, con propostas para achegarse á literatura, á música, ás artes escénicas e á cultura popular galega.
Culturgal Expandido celebrarase os días 16, 17 e 18 de outubro no Mercado Municipal de Muros, con entrada gratuíta en todas as actividades.
A iniciativa está organizada por Culturgal e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Muros e a ACRD Praia do Castelo.
Consulta a programación completa e non perdas a oportunidade de desfrutar dunha fin de semana dedicada á cultura galega.
