CINE | O Auditorio de Muros incorpora dúas novas propostas de cine familiar: Leo & Lou e Tom y Jerry: Aventura en el tiempo

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica de outono-inverno con dúas estreas especialmente dirixidas ao público familiar: Leo & Lou, unha emocionante película de aventuras e amizade, e Tom y Jerry: Aventura en el tiempo, unha proposta de animación chea de humor e viaxes temporais protagonizada polos personaxes máis icónicos da comedia clásica.

Dirixida por Carlos Solano, Leo & Lou chega como unha das producións familiares máis destacadas do ano. A película conta a historia de Leo, unha nena de 10 anos que decide fuxir dun centro de acollida, e Lou, un home rudo e malhumorado que, por accidente, se converte no seu improvable compañeiro de viaxe rumbo a unha competición de pesca.

O filme reúne un elenco destacado, con Julia Sulleiro, Isak Férriz, Manuel Manquiña, Marta Larralde, María Pujalte e Maggie Civantos, nunha historia que combina humor, emoción e unha celebración da amizade inesperada.

Con guión de Carlos C. Tomé e Carlos Solano, e produción española, británica e romanesa, Leo & Lou destaca polo seu equilibrio entre comedia e sensibilidade, facendo dela unha proposta ideal para ver en familia.

A famosa parella formada por Tom e Jerry regresa á gran pantalla con Aventura en el tiempo, dirixida por Ghang Zhang. Despois dunha frenética persecución no Museo Metropolitan de Nova York, un misterioso portal temporal lévaos a unha cidade inspirada na Antiga China, chea de maxia, guerreiros e criaturas extraordinarias.

Nesta nova aventura, os dous eternos rivais deberán aprender –por primeira vez?– a colaborar para poder regresar ao seu tempo, nunha historia chea de acción, humor e espectaculares escenarios animados.

A película, coproducida por Estados Unidos e China, está pensada para público infantil e familiar (+7 anos), e ofrece unha viaxe divertida e sorprendente a través do tempo.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca que “estas dúas estreas reforzan a aposta por unha programación de cine pensada para toda a familia, con historias que combinan entretemento, valores e unha alta calidade audiovisual”.

Información das sesións

Leo & Lou (Todos os públicos · 102 min · Familiar)

  • Venres 21 de novembro · 20:30 h
  • Sábado 22 de novembro · 20:30 h
  • Domingo 23 de novembro · 19:00 h

Tom y Jerry: Aventura en el tiempo (+7 · 103 min · Animación)

  • Sábado 22 de novembro · 17:00 h
  • Domingo 23 de novembro · 17:00 h

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada xeral: 5 €
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil.