Cheny Wa Gune inaugura a programación cultural de outono en Muros

O músico mozambicano actuará este venres nun concerto de entrada gratuíta incluído no programa Outono das Artes da Deputación da Coruña

O Concello de Muros dará comezo este venres 2 de outubro ás 20:30 horas á súa programación cultural de outono coa actuación de Cheny Wa Gune, unha das figuras máis destacadas da música tradicional de Mozambique e un dos principais divulgadores da m’bila (timbila), o emblemático xilófono de madeira do pobo Vachopi.

Recoñecido pola súa capacidade para combinar a tradición musical mozambicana coa enerxía dos sons contemporáneos, Cheny Wa Gune presenta unha proposta chea de ritmo e identidade cultural, na que a m’bila se converte na gran protagonista do espectáculo.

A súa traxectoria mantén unha estreita relación con Galicia grazas á colaboración artística que desenvolveu durante anos con Fran Pérez “Narf”, con quen compartiu escenarios e proxectos que contribuíron a crear un diálogo musical entre Galicia e Mozambique.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca que “é unha satisfacción abrir a programación de outono cun artista de proxección internacional e cunha proposta musical de gran valor cultural”. A edil subliña tamén “a especial vinculación de Cheny Wa Gune con Galicia a través da súa colaboración con Fran Pérez ‘Narf’”.

O concerto forma parte do programa Outono das Artes 2026, promovido pola Deputación da Coruña, unha iniciativa que achega aos concellos da provincia propostas culturais de diferentes disciplinas artísticas.

A actuación terá lugar no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros e a entrada será gratuíta ata completar aforo e pódense reservar os convites na seguinte ligazón: https://kinetike.com:83/views/sesionesFuturas.aspx?idPelicula=1169&cine=MUROS