CAMPAMENTOS | Sorteo das prazas para os campamentos Muros Concilia Nadal 2021/22

SORTEO DAS PRAZAS PARA OS CAMPAMENTOS MUROS CONCILIA NADAL 2021/22.

DATA: 21/12/2021
LUGAR: Salón de plenos do Concello de Muros
HORA DE COMEZO: 12:00 h
HORA DE REMATE: 12.30 h

ORDE DO DÍA

Sorteo das solicitudes presentadas en prazo e orde segundo as bases dos campamentos Muros Concilia Nadal 2021/22.




A Concellería de Servizos Sociais e CIM xunto co departamento de Cultura e Deportes do Concello de Muros propón fomentar e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral mediante a prestación dun servizo de calidade con persoal especializado para a realización de actividades e atencións dirixidas ás nenas e nenos durante o período de Nadal.

A través do Concilia Nadal, as nenas e nenos participantes aprenderán mediante diferentes actividades como mellorar e actuar para cambiar o seu contorno máis próximo dende o punto de vista persoal, ambiental, deportivo e social.

  • Datas: 27, 28, 29, 30 de decembro e 3, 4, e 5 de xaneiro
  • Prazo de solicitude: ata as 14.00 h do 17/12/2021

Programación de Nadal 2021/22

Programa de actividades de animación e contacontos no Concello de Muros para este Nadal.

DECEMBRO | MUROS

Venres, 3 ás 18.00 h | Sábado, 4 ás 11.30 h no Mercado, Obradoiro de decoración de galletas (Nen@s)

Venres, 3 e Sábado, 4 ás 15.30 h no Mercado, Obradoiro de coroas de Nadal (adult@s)

Sábado, 4 ás 21.00 h no Auditorio Por Xela

Venres, 10 ás 18.00 h | Sábado 11 ás 11.30 h no Mercado, Obradoiro Fagamos adornos de Nadal (Nen@s)

Sábado 11 ás 21.00 h no Auditorio, Tres vellas (polo menos) de Producións Teatrais Excéntricas

Venres, 17 ás 18.00 h no Mercado, “Conto de Nadal” de Tarabelos – RESERVA no seguinte enlace: https://forms.gle/pY1cGP9hbo9gxZEV8

Venres, 17 ás 20.00 h no Auditorio, Que fermoso é o Nadal! de Aquelando Teatro – RESERVA no seguinte enlace: https://forms.gle/VCVkWMCvnDQAwdwU6

Sábado, 18 ás 11.30 h no Mercado, Obradoiro Mandemos postais!!! – RESERVA no seguinte enlace: https://forms.gle/biskqtFj89AfRaGy8

Sábado, 18 ás 18.00 h Teatro O Cubo GHOP! – RESERVA no seguinte enlace: https://forms.gle/iW7Z16hMxGyUpSrd7

Xoves, 30 ás 18.00 h no Auditorio, Xanpatito Pato de Só RESERVA no seguinte enlace: https://forms.gle/zvyPt6mxHbV8QLY69

DECEMBRO | ESTEIRO

Venres, 1 ás 17.30 h na axencia de lectura, Obradoiro de decoración de galletas (Nen@s)

Venres, 10 ás 18.00 h na axencia de lectura, Un ratiño descubre o Nadal de Donde viven los cuentos

Mércores, 15 ás 17.30 h na axencia de lectura, Vén a Conto con Raquel Queizás

Venres, 17 ás 17.30 h na axencia de lectura, Obradoiro Fagamos adornos de Nadal

XANEIRO

Luns, 3 ás 18.00 h no Auditorio, Pakolas – RESERVA no seguinte enlace: https://forms.gle/W5xDDHHWKQkVP3xg7

Martes, 4 ás 18.00 h no Mercado, Cantos de Reis con Xandobela – RESERVA no seguinte enlace: https://forms.gle/hryRwcKfQ3voLcDZ9

Mércores, 5 | Cabalgata de Reis

Venres, 7 ás 18.00 h no Auditorio, Contos de Nadal con Teatro Calavera

Reserva obrigada no 981762294
Respecto absoluto ás medidas sanitarias: uso de máscara, distancia social…


TEATRO | Venres 12 – Brais das Hortas – “Contos para caghar patatillas” |#| Sábado 13 – Pedras de Cartón – “Quixote”

O CENTRO CULTURAL DE MUROS ACOLLE DOUS ESPECTÁCULOS DESTINADOS A PÚBLICO FAMILIAR ESTA FIN DE SEMANA

O centro cultural e xuvenil de Muros continúa coa programación, e a vindeira fin de semana presenta  dous espectáculos destinados a público familiar, “Contos para caghar patatillas”, de Brais das Hortas e  “Quixote” de Pedras de Cartón

Día e hora: venres 12 de novembro, 18:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural e xuvenil de Muros
Actividade: Contacontos – Brais das Hortas – ““Contos para caghar patatillas”
Público preferente: Familiar/infantil.
Prezo da entrada: de balde

Ao día seguinte chega a Muros, “Quixote”

Día e hora: sábado 13 de novembro, 18:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural e xuvenil de Muros
Actividade: Teatro – Pedras de Cartón – “Quixote”
Público preferente: Familiar/infantil.
Prezo da entrada: 2,50 €
Ciclo: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
Espectáculo Premiado no Certame Barroco Infantil do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2021

Quixote é o segundo espectáculo de Pedras de Cartón. Nesta ocasión afrontan o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, en clave de comedia. Cunha estética inspirada no paiaso clásico (moi ao estilo Fellini), e en clave de clown, afrontan as escenas máis icónicas desta novela, da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho. 

O velocípedo no que vai montado Quixote será Rocinante, e o triciclo no que irá montado Sancho será o seu peculiar Rucio, o burro de Sancho Panza.

Os artistas que dan vida a Quixote e Sancho son Juan Rodríguez e Pablo Sánchez

As entradas deben de ser reservadas previamente nas oficinas do centro cultural de Muros, ou no teléfono 981762294, no correo electrónico cultura@muros.es, ou no seguinte formulario .

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, agarda que poidamos gozar dunhas excelentes tardes en familia, con estas propostas, que conxugan narración, música e diversos elementos teatrais, en especial o clown. Diversión asegurada.

TEATRO | Sábado 6 – “BAILAR AGORA” chega ao Centro Cultural De Muros

O concello de Muros segue coa programación do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, co espectáculo, “Bailar Agora”, da compañía Marta Alonso Tejada. TrasPediante, que nos introduce en novembro, mes da música.

Día e hora: sábado 6 de novembro, ás 21:00 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Danza – Marta Alonso Tejada. Cía. Traspediante – “Bailar Agora”
Prezo da entrada: 3,50 euros

Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

Creación de Marta Alonso Tejada, Victoria P. Miranda e Pablo Reboleiro Rama. Dirección e Interpretación de Marta Alonso Tejada coa asistencia de movemento  de Sergio Perol. Unha coprodución de Marta Alonso Tejada co Centro Coreográfico Galego, Agadic, Xunta de Galicia.

“Bailar Agora” é unha sorte de imperativo cara unha posición  no presente social e persoal a través da danza. Un impulso por situarnos no tempo actual, no afecto e na emoción que estamos a compartir aquí e agora bailando.

“Bailar Agora é un espectáculo no que o ímpeto dos seus movementos carga as pilas. Conta a relación dunha bailarina coa danza agora, pero tamén a xenealoxía desa relación, as súas primeiras lembranzas cando era nena e cantaba e bailaba coa súa nai. O relato de Marta Alonso Tejada é unha historia da danza, que transita desde as orixes, ata os anos de academias e cursos incontables de ballet clásico. Os gags cómicos, cun punto circense e a simpatía que desprende Marta, o poderío da danza, cando o espazo lumínico e sonoro tamén danzan, sumado a esa asunción de liberdade de quen baila agora, contribúen a facer de Bailar agora un espectáculo reconfortante que xa acadou no presente ano tres premios María Casares, ademais dos recoñecementos da MIT de Ribadavia e o premio Dorotea Bárcena outorgado por FETEGA

Marta Alonso Tejada traballa no sector artístico desde o 2008, cando funda a compañía trasPediante. Desde o 2010 crea e co dirixe o Festival de danza e artes do corpo, corpo(a)terra. A súa traxectoria como creadora e intérprete é multidisciplinar e a súa actividade artística traza desde o inicio unha ida e unha volta constante cara á danza e ao movemento que no camiño se achega ao teatro físico, á interpretación e ao circo. A danza, o humor, e a proximidade co público xeran nas súas creacións unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do común e do esperanzador que se comparte na escena.

As entradas deben de ser reservadas previamente, ben nas oficinas do centro cultural de Muros ou no teléfono 981762294, de martes a venres, de 08:30 a 15:00 horas; e tamén poden solicitarse no correo electrónico cultura@muros.es, ou en Internet por medio do formulario de Google creado para a ocasión.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a toda a veciñanza  a pasar un excelente serán con este magnífico espectáculo, programado para público adulto e apto para tódolos públicos, co que o Concello de Muros quere contribuír á conmemoración de Santa Cecilia, patroa da música.

TEATRO | Sábado 23 – “FEMINÍSSIMAS” chega ao Centro Cultural de Muros coincidindo coa efeméride do día da Muller Rural

O concello de Muros segue coa intensa programación teatral deste mes de outubro, no Centro Cultural e Xuvenil de Muros, co espectáculo, “Feminíssimas”, da compañía De Ste Xeito, coincidindo coa efeméride da Muller Rural.

Día e hora: sábado 23 de outubro, ás 21:00 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – De Ste Xeito – “Feminíssimas”
Prezo da entrada: 3,50 euros

Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

Obra de teatro cómico.

Creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo como forma.

Un Congreso Feminista na cidade de Vigo.
Tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven.

Tres amigas que teñen tres maneiras distintas de entender o “feminismo”…: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.

Este é o punto de partida desta creación de Esther F: Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira. Unha peza teatral con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba e mentres analizamos -dende a comedia- de que maneira as mulleres estamos a con-vivir neste novo mundo feminista no que nos atopamos mergulladas. Unha maneira –tamén– de rirnos de nós mesmas, das nosas propias incongurencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria. Un espazo para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía.

En resumo: unha comedia negra… violeta.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a toda a veciñanza  a gozar deste magnífico espectáculo que nos axuda a reflexionar sobre a amizade, a muller, as diferentes feminidades e as nosas posturas fronte á vida.

RESERVAS:

As entradas ten que ser reservadas previamente, ben nas oficinas do centro cultural de Muros, no teléfono 981 762 294, de luns a venres, de 8.30 a 15.00 h, por correo electrónico no seguinte enderezo: cultura@muros.es, ou a través do seguinte formulario: http://ow.ly/cbSx50GsZ0C

TEATRO | Sábado 16 – “O camiño de Santiago”, de Educateatro

EducaTeatro Producións, creadora tamén dos exitosos musicais ‘Carapuchiña Vermella’, “Os tres porquiños” e “O mundo máxico de Pinocho”, cos que xa estiveron en outras tempadas neste mesmo espazo, achégase de novo a deleitarnos con ‘O Camiño de Santiago”, o sábado, 16 de outubro, ás 18:00 h. Un musical infantil, destinado a público familiar co que o Concello de Muros quixo comezar a tempada de teatro familiar do Centro cultural.

O camiño de Santiago é a historia de Santiago e Mariña, dous irmáns que non xogan xuntos, pero que aprenderán a facelo.

Como cada noite, Santiago emprende o seu camiño acompañado de Blanco, o seu cabalo inseparable. O que non agarda é que hoxe se atope no seu soño con Mariña e a súa gatiña Lupe. Vivirán aventuras e cantarán cancións para chegar ao Castelo Máxico (a Catedral de Santiago) e encontrar o tesouro agochado.

Nesta viaxe, as personaxes dos seus contos cobrarán vida. Cando remata a súa aventura e a viaxe finaliza, os irmáns espertan, á mañá seguinte, cambiados, unidos e  xuntos.

Para EducaTeatro Producións, creada a finais de 2013, a música, a lingua, a diversión e a participación do público, son os piares fundamentais dos seus traballos, cos que buscan fomentar a educación en valores.

Neste espectáculo, interpretado por Paulo Medal e Almudena Zurita, é de destacar o percorrido polas historias e as cancións míticas de EducaTeatro

A función está incluído na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e o prezo das entradas é de 2,50 €, que se recomenda reservar por anticipado nas oficinas do centro cultural de Muros, ou no teléfono 981762294, de luns a venres, de 8:30 a 15:00 h, ou ben por Internet no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a todo o público familiar de Muros a que se achegue a gozar con este espectáculo, agora que xa se ampliaron os aforos, sinalando que se elixiu esta temática para abrir a programación familiar debido a que por primeira vez foi recoñecido o Camiño Muros-Compostela e toda a comunidade escolar está tratando este tema nos seus respectivos centros.


TEATRO | Xoves 7 – A Panadaría – “Elisa e Marcela” || Sábado 9 – La Quintana Teatro – “O Premio”

O concello de Muros inicia esta semana a súa programación teatral para a tempada 2021/22, no Centro Cultural e Xuvenil de Muros, con dous premiados espectáculos, “Elisa e Marcela”, de A Panadaría teatro e “O Premio”, de La Quintana teatro, os dous destinados a público adulto e coproducidos polo CDG.

A Panadaría – “Elisa e Marcela”

Día e hora: xoves 7 de outubro, ás 21:00 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – A Panadaría – “Elisa e Marcela”
Entradas: de balde, previa reserva

Programa: “Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-22”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia

Ano 1901, A Coruña. Dúas mulleres casan na Igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas. As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo, protagonizada polas actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman

Este espectáculo foi multipremiado con galardóns a mellor espectáculo nos Premios María Casares 2018, e tamén mellor dirección, mellor texto orixinal e mellor actriz protagonista nos mesmos premios. Premio Luísa Villalta para iniciativas culturais pola igualdade, entre outros.

La Quintana Teatro – “O Premio”

Día e hora: sábado 9 de outubro, ás 21:00 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – La Quintana Teatro – “O Premio”
Prezo da entrada: 3,50 euros

Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

“O Premio” é unha comedia aceda que fala da situación das persoas dentro dun futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social fose tal, que se viron obrigadas a caer en “O Premio” como única fórmula de conseguir a felicidade. “O Premio” é un reallity en directo onde o público vota a quen merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”

Coma todas as montaxes da Quintana Teatro parte da investigación a pé de rúa e constrúese a través da creación colectiva. A compañía sempre está aberta aos estímulos externos co fin de que sirvan de inspiración para a creación de novas formas teatrais. Nesta ocasión os temas para explorar son a muller cosmopolita, a muller tradicional, o home perdido entre medias e á súa vez o prezo da felicidade.

Unha procura colectiva que enriquece o traballo actoral que nesta ocasión será compartido cos personaxes que aparezan na pantalla. A través de vídeos móstrase a vida dos protagonistas, xogando coa súa privacidade, levando ao límite a súa capacidade de exhibición, sacando á luz as súas miserias, os seus vicios e os seus segredos máis ocultos.

É un proxecto diferente e singular, tanto pola temática que aborda, como pola sorprendente posición na que se coloca ao público, xa que deberá votar quen debe gañar: Tres finais distintos en función dos espectadores

O espectáculo foi escrito por Santiago Cortegoso, dirixido por Marián Bañobre e protagonizado por Victoria Teijeiro, Raquel Espada/ Lidia Veiga e Xurxo Cortázar.

As entradas tén que ser reservadas previamente, ben nas oficinas do centro cultural de Muros ou no teléfono 981762294, de luns a venres, de 08:30 a 15:00 horas; e tamén poden solicitarse no correo electrónico cultura@muros.es, ou en Internet por medio do formulario de Google creado para cadansúa.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, quere agradecer a colaboración da Secretaría Xeral de Política lingüística e da AGADIC, da Xunta de Galicia, e anima a toda a veciñanza  a gozar destes magníficos espectáculos. Aproveitando para anunciar que a videira semana, o sábado 16, a compañía de EducaTeatro, co musical “o Camiño de Santiago”, ás seis da tarde, dará comezo á programación deste outono destinada a público familiar.


CULTURA | Obradoiros culturais municipais curso 2021/22

BASES DOS OBRADOIROS CULTURAIS:

1. Datos xerais

1.1.- Os OBRADOIROS CULTURAIS nos que poden preinscribirse as persoas interesadas para o curso 2021/22 son os seguintes:

OBRADOIROS CULTURAIS – CURSO 2021/22

– Esteiro: Arte floral, Bordado, Encaixe de agulla e Traballos manuais.

– Tal: Bordado, Encaixe de agulla e Traballos manuais

– Abelleira: Bordado, Encaixe de agulla e Traballos manuais.

– Torea: Traballos manuais.

– Serres: Bordado, Encaixe de agulla e Traballos manuais

– Muros: Arte floral, Bordado, Cociña, Costura, Encaixe de agulla, Fotografía, Teatro e Traballos manuais.

– Louro: Bordado, Encaixe de agulla e Traballos manuais

1.2.- Se existira moita demanda para participar nalgún obradoiro que non aparece na relación, estudarase a posibilidade de que este se constituía, na localidade na que se produza a demanda.

1.3.- As idades esixidas para participar nas actividades son:

ACTIVIDADE IDADE

Teatro nados/as no ano 2014 ou anteriores

Traballos manuais nados/as no ano 2009 ou anteriores

Arte floral, bordado, cociña, costura, fotografía e encaixe con agulla, nados/as no ano 2007 ou anteriores

2. Preinscrición (do 22 de setembro ao 5 de outubro)

2.1.- Ábrese o prazo de preinscrición do 22 de setembro ao 5 de outubro.

2.2.- Esta preinscrición formalizarase nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, ou por medio do formulario Google Forms previsto para esta actividade,

Na preinscrición os/as interesados/as comprometeranse a asistir ás modalidades que prefiran e na localidade que indiquen, sempre que se poida constituír grupo.

2.3.- Constituiranse tan só os grupos de traballo que acaden unha preinscrición mínima de 10 persoas.

2.4.- Ás persoas preinscritas nas actividades que non poidan ser impartidas daráselles a opción de elixir outro grupo ou actividade.

2.5.- Os obradoiros culturais definitivamente constituídos, e os seus horarios, faranse públicos o día 8 de outubro.

3. Matrícula (do 11 ao 13 de outubro)

3.1.- Para formalizar a matrícula, as persoas preinscritas deberán consultar no Centro Cultural e Xuvenil de Muros, ou ben no teléfono 981 762294, ou por medio da páxina web do concello, a constitución dos grupos e o seu horario, e despois ingresar no nº de conta que se lle indique, unha cota de 25,00 €, do día 11 ao 13 de outubro, incluídos, que lle dará dereito a participar no obradoiro que elixira, durante a tempada.

3.2.- Se despois de formalizar a matrícula algunha persoa non puidera asistir ás clases, non terá dereito á devolución da cota nin á substitución directa por outra persoa.

3.3.- Non se poderá mudar de actividade despois de comezadas estas.

4. Prazas libres (do 18 ao 30 de outubro)

4.1.- Nos grupos que queden prazas libres poderán matricularse outras persoas do 18 ao 30 de outubro no Centro Cultural e Xuvenil de Muros.

5. Comezo das actividades

5.1.- As actividades darán comezo a partir do luns 18 de outubro.

6. Outras Condicións

6.1.- O número de persoas por grupo, duración das actividades, etc estarán suxeitas as medidas sanitarias vixentes en todo momento.


FORMULARIO DE INSCRICIÓN (Google Forms)


TEATRO.CIRCO | TCHYMINIGAGUA. Sábado, 21 de agosto, 21.00 h

TCHYMINIGAGUA.
MUROS | CURRO DA PRAZA.
SÁBADO, 21 DE AGOSTO, 21:00 H.

Obrigado respecto ás normas sanitarias: distancia social, uso de máscara…

” Tchyminigagua desenvolven unha linguaxe teatral, acrobática e circense propia que inclúe a técnica, patentada a nivel mundial, dos zancos en patíns.”

Fundada en 1985 en Bogotá (Colombia), a Fundación Teatral Tchyminigagua persegue “traballo, coñecemento e identidade”, elaborando unha linguaxe teatral “para vivir e compartir unha misión cultural, social e política”. Un equipo humano estable formado no seo do grupo encárgase de producir as súas creacións, integrando profesionais da escritura, a dirección, a interpretación, as acrobacias, a danza ou a música que fortalecen a técnica teatral Tchyminigagua: “Forza, ritmo e enerxía, unha linguaxe acrobática, teatral e circense propia”. A súa labor artística e o seu traballo pola memoria dende o compromiso político fíxolles gañar o recoñecemento internacional, celebrando a súa dramaturxia, música, colorido ou maquillaxes e a súasúa invención, patentada a nivel mundial, dos zancos en patíns. Cultura popular de trasformación social.

ACTIVIDADES CULTURAIS | Do 10 ao 26 de agosto de 2021

ACTIVIDADES | Se a situación epidemiolóxica o permite a partir do 10 de agosto retomarase a programación cultural municipal coas seguintes actividades:

📆 10/08/2021 | 22.00 h
Cine: El Rey León
O Artón, Esteiro

📆 11/08/2021 | 22.00 h
Cine: Maléfica
San Francisco, Louro

📆 12/08/2021 | 20.00 h
Danza: Armadanzas
Praza do Mercado, Muros

📆 13/08/2021 | 21.00 h
Música: Banda Ateneo da Pobra do Caramiñal
Praza do Mercado, Muros

📆 14/08/2021 | 21.30 h
Pasacalles teatral: A muller, os oficios do mar e a repercusión no Camiño.
Muros

📆 24/08/2021 | 20.00 h
Circo: SU.MA “Ikigai”
Parque do Varadoiro, Muros

📆 25/08/2021 | 21.30 h
Cine: A galiña turuleca
San Francisco, Louro

📆 26/08/2021 | 21.30 h
Cine: O que arde
O Artón, Esteiro

INFORMACIÓN E RESERVAS: 981 762 294 ou nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros


Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close