O Concello de Muros vén de convocar as bolsas para deportistas do municipio correspondentes ao ano 2026.
O obxectivo desta liña de axudas é apoiar a práctica e o rendemento deportivo, contribuíndo ao perfeccionamento técnico dos deportistas e facilitando a súa participación en competicións e eventos deportivos oficiais.
Poderán solicitar estas bolsas os deportistas individuais residentes no Concello de Muros que practiquen deportes olímpicos ou disciplinas recoñecidas polo Comité Olímpico Internacional e que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
A contía máxima da bolsa será de 500 euros por deportista.
O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 11/06/2026 ao 11/07/2026, ambos os dous incluídos. As solicitudes deberán presentarse de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Muros.
Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.
O Concello de Muros vén de convocar as subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2026.
O obxectivo desta liña de axudas é apoiar o desenvolvemento de proxectos e actividades culturais no municipio de Muros promovidos polas entidades asociativas do concello.
Poderán solicitar estas subvencións as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e rexistradas no Rexistro de Asociacións de Galicia, con sede e ámbito de actuación no Concello de Muros, que desenvolvan actividades culturais.
A contía máxima da axuda será de 1.500 euros por proxecto, debendo a entidade beneficiaria achegar un mínimo do 10 % do custo total da actividade subvencionada.
O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 10/06/2026 ao 10/07/2026, ambos os dous incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante os modelos normalizados dispoñibles na sede electrónica e na páxina web municipal.
Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.
O Concello de Muros vén de convocar as subvencións dirixidas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnado (ANPA) dos centros públicos do municipio para a realización de actividades de apoio educativo durante o ano 2026.
O obxectivo desta liña de axudas é apoiar o desenvolvemento de proxectos e actividades que contribúan á formación integral do alumnado e favorezan a conciliación da vida familiar e laboral.
Poderán solicitar estas subvencións as ANPAs dos centros de educación pública do Concello de Muros, legalmente constituídas e sen ánimo de lucro, que desenvolvan actividades educativas e de apoio ao alumnado no ámbito municipal.
A contía máxima da axuda será de 2.000 euros por proxecto, debendo a entidade beneficiaria achegar un mínimo do 10 % do custo total da actividade subvencionada.
O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 10/06/2026 ao 10/07/2026, ambos os dous incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante os modelos normalizados dispoñibles na sede electrónica e na páxina web municipal.
Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros celebrará o primeiro aniversario da recuperación da programación cinematográfica cunha proxección moi especial: Casablanca, unha das películas máis emblemáticas da historia do cine.
O filme poderá verse o sábado 13 de xuño ás 20:00 e ás 22:00 horas e o domingo 14 de xuño ás 19:30 horas, nunha fin de semana dedicada a conmemorar un ano de cine estable no auditorio municipal.
Dirixida por Michael Curtiz e estreada en 1942, Casablanca converteuse nun clásico universal do cinema. Ambientada durante a Segunda Guerra Mundial na cidade marroquí de Casablanca, a película narra a historia de Rick Blaine, propietario dun café frecuentado por refuxiados que buscan escapar da guerra, cuxa vida cambia coa chegada dun antigo amor, Ilsa Lund. Protagonizada por Humphrey Bogart e Ingrid Bergman, a obra é considerada unha das grandes referencias da historia do cine pola súa combinación de romance, drama e contexto histórico.
Durante este primeiro ano de programación cinematográfica, o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros recibiu a máis de 4.000 espectadores, consolidándose como un espazo de referencia para a exhibición audiovisual na comarca. Ao longo destes meses proxectáronse máis de 40 películas, incluíndo producións galegas, estatais e internacionais, así como cinema familiar, documentais, estreas comerciais e títulos de especial interese cultural.
A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “a resposta do público ao regreso do cine foi extraordinaria. Máis de catro mil persoas pasaron polo auditorio neste primeiro ano, demostrando que existía unha demanda real por recuperar este servizo cultural”. A edil engadiu que “queriamos celebrar esta data cunha película que forma parte da memoria colectiva do cinema mundial e que representa a capacidade que teñen as grandes historias para seguir emocionando xeración tras xeración”.
A alcaldía deste concello mediante resolución 513/2026 adoptou os seguintes acordos:
PRIMEIRO. Aprobar a lista definitiva de persoas solicitantes admitidas e en reserva no Programa Concilia Verán 2026, que figura como Anexo I desta resolución.
SEGUNDO. Establecer que as persoas admitidas deberán aceptar a praza e presentar a documentación requirida no prazo máximo de 2 días naturais desde a publicación da listaxe. No caso de non cumprir este prazo, entenderase que renuncian á praza, procedéndose ao chamamento das persoas que figuren na lista de reserva, pola orde correspondente.
TERCEIRO. A documentación deberá presentarse no correo electrónico concilia@muros.gal, sendo a seguinte: Libro de familia e DNI do pai, nai ou persoa titora legal; tarxeta sanitaria da persoa menor; vida laboral de ambos proxenitores ou da persoa proxenitora no caso de familias monoparentais/monomarentais; e, de ser o caso, certificado acreditativo do grao de diversidade funcional.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá a estrea de “Cada día nace un listo”, a nova longametraxe da directora Arantxa Echevarría, que chega ás salas de cine o 5 de xuño.
A película está protagonizada por Hugo Silva e conta cun reparto integrado por Susi Sánchez, Dafne Fernández, Jaime Olías e Ginés García Millán. A historia segue a Toni Lomas, unha antiga estrela televisiva que, tras caer no esquecemento, recibe unha inesperada proposta para participar no roubo dun valioso cadro. Para levar a cabo o golpe reunirá un peculiar equipo no que cada integrante agocha as súas propias intencións.
Cada día nace un listo combina os elementos da comedia negra, a sátira social e o thriller para construír unha historia chea de picaresca, humor ácido e situacións tan disparatadas como imprevisibles.
As proxeccións terán lugar o venres 5 de xuño ás 21:30 horas, o sábado 6 de xuño ás 20:00 e 22:00 horas e o domingo 7 de xuño ás 19:30 horas.
A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “seguimos apostando por ofrecer ao público de Muros as principais estreas cinematográficas no mesmo momento da súa chegada ás salas, ampliando a oferta cultural da nosa vila e achegando producións de primeiro nivel ao auditorio municipal”.
O xoves, día 28 de maio de 2026, tivo lugar o sorteo público do Programa Concilia Verán 2026, conforme ao establecido nas bases reguladoras. O resultado do sorteo, así como a lista das solicitudes admitidas e en reserva, recóllese no Anexo I. De acordo co previsto nas bases da convocatoria, establécese un prazo de reclamacións de 2 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación deste anuncio.
Xa están dispoñibles as entradas para as próximas representacións da Mostra de Teatro “Xosé Agrelo”, que continuará no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros con dúas novas propostas de teatro afeccionado.
O venres 29 de maio ás 20:30 horas representarase Un tranvía chamado desexo, a cargo de Sen Cancelas Teatro, grupo de teatro de Santa Comba. Pola súa banda, tamén poderá reservarse entrada para Fermento Vello, de O Xeito Teatro (Esteiro).
As entradas son gratuítas con reserva previa e poden retirarse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros ou presencialmente nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
Xa están dispoñibles as entradas para a representación de Ensaio xeral sobre a risa, de Aquelando Teatro, que terá lugar o sábado 23 de maio ás 20:30 horas no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
As entradas son gratuítas con reserva previa e poden retirarse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros ou presencialmente nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
A obra forma parte da programación cultural do auditorio e achegará ao público unha proposta teatral marcada polo humor e a reflexión arredor da risa e da condición humana.
O Concello de Muros deu a coñecer o fallo do xurado do concurso de carteis das XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, unha edición na que se destacou especialmente o gran nivel das propostas presentadas.
O cartel gañador desta edición foi a obra titulada “Se che gusta a festa e o mar non esquezas vir a Muros Mira ao Mar”, realizada por Noa Fernández Lestón, alumna de 3º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
O resto de obras premiadas foron as seguintes:
Premio entidades que traballan con colectivos con diversidade funcional:“Non fala do mar, vive a tradición e nace o sabor”, realizado polas persoas usuarias do centro de Valadares de ADISBISMUR.
Premio Educación Infantil:“Os golfiños”, realizado por todo o alumnado de 4º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
Premio 1º ciclo de Educación Primaria:“Mar”, de Avril Rama Rodríguez, alumna de 2º curso do CEIP Ricardo Tobío.
Premio 2º ciclo de Educación Primaria:“Se che gusta a festa e o mar non esquezas vir a Muros Mira ao Mar”, de Noa Fernández Lestón, alumna de 3º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
Premio 3º ciclo de Educación Primaria:“En Muros sempre xogamos, pero máis bailamos”, de Candela Lestón Fernández e Leire Santiago Luaces, alumnas de 5º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
Premio Educación Secundaria:“A redeira”, de Lúa Lago Lago, alumna de 1º da ESO do IES As Insuas.
O xurado concedeu ademais dúas mencións especiais aos traballos “Onde a lingua se fai salitre”, realizado por Jorge Fernández, Carlos Figeuroa e Alejandro Cambeiro, alumnos de 6º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez, e “Arenisca”, de Sara Lourenzo Castro, alumna de 3º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
O concurso de carteis forma parte das actividades previas das XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”.