A nova produción de Butacazero, A velada de Londres, chega este sábado ao Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá este sábado 3 de outubro ás 20:30 horas a representación de A velada de Londres, a nova produción da compañía galega Butacazero, que abrirá a programación de outono-inverno de artes escénicas no municipio.

A montaxe parte dun texto de Manuel Lourenzo, unha das figuras máis destacadas da dramaturxia galega contemporánea, e constitúe tamén unha homenaxe á súa figura e ao seu legado artístico. A dirección e adaptación corren a cargo de Xavier Castiñeira, discípulo e colaborador de Lourenzo, quen recupera nesta proposta unha das súas reflexións arredor do mito de Drácula.

A obra traslada o público á Inglaterra vitoriana para seguir a historia de Jonathan Harker, marcado polo encontro co Conde Drácula durante a súa viaxe a Transilvania. A partir dese momento, a obsesión, o medo e a fascinación irán transformando a súa relación con Mina, nun relato que explora os límites entre a razón e o desexo.

A proposta escénica combina interpretación, música en directo e unha coidada atmosfera visual. A presenza da chelista e soprano Esperanza Mara engade unha dimensión musical que acompaña o desenvolvemento dramático da obra e contribúe a crear unha experiencia escénica inmersiva.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca que “é unha satisfacción abrir a nova tempada teatral cunha compañía de referencia como Butacazero e cun espectáculo que reivindica a figura de Manuel Lourenzo, unha persoa fundamental para comprender a historia recente do teatro galego”.

Coincidindo coa representación, o público poderá visitar tamén unha pequena exposición dedicada á vida, obra e legado de Manuel Lourenzo, que permitirá achegarse á traxectoria dun dos creadores máis influentes da cultura galega contemporánea.

As entradas teñen un prezo de 4 euros e poden adquirirse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros (https://kinetike.com:83/views/init.aspx?cine=MUROS) e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.