A Biblioteca Municipal de Muros celebra o Día do Libro cun contacontos familiar a cargo de Aida Cobas

A Biblioteca Municipal de Muros acollerá o vindeiro 24 de abril ás 18.00 horas unha actividade especial con motivo do Día do Libro, co contacontos “Cantaruxa Catuxa”, a cargo de Aida Cobas.

A proposta está dirixida a público familiar a partir de 3 anos e presenta a historia de Catuxa, unha nena que pasa moito tempo coa súa avoa Adolfina, unha muller que vive a música con alegría e espontaneidade. A través dun xogo de procura do tesouro no faiado, Catuxa irá superando diferentes probas relacionadas co canto e coa percusión tradicional, nunha experiencia lúdica que promove a participación e a creatividade.

O espectáculo, cunha duración aproximada de 45 minutos, combina narración oral, música e interacción co público, convidando ás crianzas a descubrir o valor da expresión artística e da tradición oral.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou a importancia de celebrar o Día do Libro con actividades para os máis pequenos: “É fundamental fomentar o gusto pola lectura e pola cultura desde idades temperás, e propostas como esta permiten achegar a literatura e a música ás familias dun xeito divertido e participativo”.

A actividade enmárcase no programa Ler conta moito da Xunta de Galicia e contará con entrada libre ata completar aforo.