“Coa cabeza nas nubes”, teatro físico e danza para toda a familia

O sábado 1 de novembro ás 18:00 h, o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros será o escenario de “Coa cabeza nas nubes”, da compañía Söa, unha proposta multidisciplinar que combina teatro físico, danza e clown e está dirixida a público familiar a partir de 6 anos. A peza, creada, dirixida e interpretada por Carlota Rosón e Martín Blanco, con música orixinal de Elba Souto e iluminación de Violeta Martínez, convida a reflexionar —a través do humor e o xogo escénico— sobre o tempo, o traballo e a necesidade de desconectar para recuperar o pracer de xogar.

En escena, dous personaxes conviven nun mesmo espazo: un, afogado baixo unha montaña de papeis e tarefas; o outro, empeñado en divertirse. Entre ambos xorde unha divertida batalla chea de humor, acrobacias e tenrura, que enfronta dúas maneiras de entender a vida.
Con escenografía de Marcos Covelo e vestiario de Miriam Cartagena, Coa cabeza nas nubes é un espectáculo visual e dinámico que emociona e fai rir por igual, unha peza pensada para compartir en familia.

A concelleira de cultura, Caridad González, destaca que “é unha proposta perfecta para público familiar, que combina arte, humor e reflexión, e reforza a aposta do Concello por manter unha programación continua e de calidade cada fin de semana no auditorio.”

“Coa cabeza nas nubes”
Cía. Söa, 45’, +6 anos
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros | 3 €
Sábado, 1 de novembro ás 18:00 h

Entradas: https://kinetike.com:83/views/sesionesFuturas.aspx?idPelicula=1116&cine=MUROS